20 diciembre 2008

Quintana fala "dunha economía ao servizo da xente, con máis autogoberno"

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, interveu onte á noite en Pontevedra nun acto político que tivo lugar na Facultade de Belas Artes, incluído na campaña “Con máis autogoberno. Unha economía ao servizo da xente”. O seu discurso tivo por eixe fundamental a crise económica, entendida como crise do modelo neoliberal, e a alternativa dos nacionalistas galegos ante esta situación.

O líder nacionalista subliñou que “os que nunca deberan pagar os custos desta crise provocada polos especuladores son os traballadores e traballadoras e as clases sociais máis desfavorecidas”.

Neste sentido, salientou que as medidas que propón o BNG para saír da crise son o mantemento e mellora do poder adquisitivo dos salarios, “porque para poder estimular a demanda interna é necesario que os traballadores teñan poder de compra”; reforzar a cobertura económica e social, así como a formación axeitada en caso de desemprego, “e deseñar unha política fiscal xusta e progresiva que non penalice aos que menos teñen”.

A alternativa do BNG no goberno galego

Quintana tamén defendeu as políticas tomadas polo BNG desde a Xunta en materia de Benestar e servizos sociais; de política enerxética; da reactivación económica do Medio Rural; da defensa da identidade cultural e da posta en marcha dunha nova política de vivenda.



“Temos en Galiza un goberno de limitadas competencias e peor financiamento. Temos unha autonomía que non colma as nosas aspiracións nacionalistas, pero a pesar desa situación e de compartirmos un goberno en minoría fomos quen de pór o goberno ao servizo do pobo e de construír país”, asegurou. “E fixémolo porque nós si cremos no papel do goberno e do sector público como reitores dunha estratexia económica ao servizo da nación”, enfatizou.

Novas medidas

“Precisamos tamén tomar novas medidas, como a creación dun Instituto Galego de Crédito Oficial, que unifique os distintos organismos do goberno galego que conceden financiamento ás empresas e dea participación ás entidades de capital risco das caixas de aforro galegas”, asegurou.

Miguel Fernández Lores

O alcalde nacionalista de Pontevedra preguntouse no seu discurso: “Por que non hai crise cando se asoballan, se invaden, oprimen estados, se oprimen nacións sen estado e pobos enteiros pero si a hai cando os millonarios teñen problemas para gañar mais?” Tamén se preguntou “por qué din que non hai crise cando se condenan a miles de mozos a traballar en precario e mal pagados e si a hai cando os opulentos, os indecentemente millonarios poden ver recortadas as súas ganancias”

“Se as outras forzas políticas non galegas que actúan en Galiza son incapaces de imaxinar e loitar por outro mundo mais xusto, mais solidario, mais libre, o nacionalismo galego nunca abdicou dos seus principios e xa tiña criticado en xeral a deriva do sistema capitalista mundial baixo a hexemonía dos Estados Unidos”, asegurou Lores.

O alcalde de Pontevedra criticou tamén a rendición ideolóxica da socialdemocracia no centro do sistema, “convertidos ao social-liberalismo” e responsábeis de teren asumido “os principios económicos da contrarrevolución conservadora”.

“Contra a crise, só hai dúas alternativas: volver confiar nos levaron a crise, ou apostar por quen defende un modelo alternativo, de aposta pola economía real fronte á especulación, ao servizo de Galiza e dos galegos e galegas”, concluíu.