COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, afirmou esta tarde ante o Pleno do Parlamento, en relación aos menores marroquís que supostamente chegaron a Galicia procedentes do País Vasco, que “independentemente de que a Xunta teña efectuado os labores de tutela, traslado e acollida e, polo tanto, garantido o dereito superior de atención aos menores, correspóndelle ao Estado o seguimento efectivo da presunta irregularidade do movemento dentro do territorio nacional destes menores e, no seu caso, os acordos pertinentes entre as Comunidades sobre o tránsito. Entendemos que é o Ministerio o que ten que arbitrar os procedementos axeitados nos foros que existen para esa finalidade”.
O titular de Presidencia expuxo que o 20 de novembro se dirixiu por escrito á secretaria de estado de Inmigración e Emigración en relación a este asunto para trasladarlle que o Goberno galego considera que “é responsabilidade da Administración Xeral do Estado o movemento destes menores inmigrantes no marco dos acordos de colaboración que existen entre Estado e Comunidades Autónomas”. De acordo coas investigacións realizadas eses menores parecen estar fóra dos fluxos de inmigrantes pactados entre o Goberno do Estado e as Comunidades Autónomas e que dan lugar a uns acordos de carácter económico entre Estado e Comunidades para o sostemento deses menores en distintos centros de acollida, avanzou o conselleiro.
As investigacións
O conselleiro explicou que o pasado verán a Unidade de Policía Adscrita (UPA) á Comunidade detectou que existían menores de orixe marroquí na nosa Comunidade que manifestaban proceder do País Vasco e, dada a situación de desamparo na que se atopaban, foron internados en distintos centros da rede dependente da Xunta de Galicia, do departamento da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. A continuación, segundo Méndez Romeu, a UPA presentou un informe ante a Fiscalía de Menores e o 10 de novembro, ao constatar que os menores se atopaban en boas condicións nos centros de acollida, a Fiscalía de Menores pasoulle o asunto á Fiscalía de Estranxeiría para que levase a cabo as investigacións sobre presuntas irregularidades no traslado dos menores.
Méndez Romeu explicou que foron 23 os menores detectados nesta situación pola UPA dende finais de xullo ata finais de outubro. Así mesmo, o mandatario autonómico expresou que se tivo constancia de que todos procedían de centros do País Vasco a través das declaracións dos menores e tamén pola existencia dun atestado da Policía Local da Coruña con estes datos.