VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, amosou hoxe a súa “perplexidade e asombro” porque se estea a falar de acordos políticos en torno ao concurso eólico e lembrou que, publicado o Decreto no Diario Oficial de Galicia fai meses e polo tanto as bases e baremos para este concurso, o que agora se está a facer é que os técnicos apliquen eses baremos ás propostas presentadas. Un traballo técnico que se está a levar a cabo na Comisión de Valoración correspondente, formada por técnicos ao servizo da Administración, moitos deles con máis de 15 anos de servizo na Xunta de Galicia. Quintana lembrou que nun Estado de Dereito os concursos públicos se resolven en base a un baremo e unhas bases publicadas no DOG e situou nunha “etapa predemocrática” as opinións e informacións que están a falar de acordos políticos entre forzas políticas para ver quen gaña o concurso. Por iso, o vicepresidente da Xunta fixo un chamamento para que “deixen traballar aos técnicos con tranquilidade e normalidade” e non se lles someta a “presións sen sentido”.
Preguntado polos medios de comunicación esta mañá en Santiago, Quintana asegurou que ten escoitado con perplexidade opinións e informacións que hoxe falan de “acordo entre o BNG e o PSOE, se hai acordo ou non, o BNG e o PSOE non teñen nada que acordar sobre isto, e o PSOE e o PP tampouco, e o BNG e o PP tampouco, e os tres xuntos tampouco”. O vicepresidente da Xunta lembroulles aos que teñen emitido estes comentarios que “estamos nun Estado de Dereito e o concurso resólvese en base a un baremo e unhas bases que foron publicadas no Diario Oficial de Galicia fai moitos meses”, polo que nestes momentos do procedemento “o que hai é unha comisión técnica, formada por técnicos da Administración, algúns deles levan máis de 15 anos na Administración autonómica, e eses técnicos o único que teñen que facer é aplicar o baremo que se aprobou e se publicou no DOG a cada unha das propostas formais presentadas”.
O vicepresidente da Xunta amosou o seu asombro porque se poida estar a falar de acordos políticos entre forzas políticas para decidir quen gaña o concurso, “iso nos colocaría nunha etapa predemocrática”. Quintana asegurou que nestes momentos do concurso eólico “o único que está habendo é seguridade xurídica, un baremo publicado no DOG e algunhas propostas que deben ser avaliadas tecnicamente”. Por iso, aproveitou para facer un chamamento e pediu “que se deixe traballar aos técnicos en tranquilidade e con normalidade, e cando rematen saberemos o resultado do concurso, como se ten que facer un concurso público”.
Quintana acrecentou que o único importante neste concurso é que, á hora de baremar, o que aprobamos e se publicou no DOG significa que van ganar os proxectos que trasladen á Administración pública maior capacidade de control sobre a enerxía eólica, e que, ao mesmo tempo, sexan capaces de presentar proxectos industriais asociados que xeneren emprego e riqueza. “Eses son os dous valores que agora os técnicos bareman, e que eu pido que se lles deixe traballar con tranquilidade e cando acaben saberase o resultado e nada máis. A min o que me importa é que os técnicos teñan o tempo suficiente para poder traballar con tranquilidade, unhas horas arriba ou abaixo impórtame pouco, o que pido é que se lles deixe traballar con tranquilidade e que non se lles intente someter a presións sen sentido. Hai un baremo aprobado e quen o ten que aplicar son os técnicos”.