VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou hoxe que a Cidade da Cultura “quere ser unha das respostas coas que Galicia encara o futuro”, unha resposta “sostible e creativa, competitiva e innovadora, xestionada desde o rigor, a responsabilidade e a eficiencia. A resposta dun país que quere estar no centro, no corazón dos fluxos creativos e nos intercambios culturais”. Así o asegurou esta mañá o titular da Xunta que, cos conselleiros de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, presidiu a xuntanza constitutiva da Fundación Gaiás. Esta nova fundación, complementaria da actual, está presidida por Juan Manuel Urgoiti e nela participan as principais entidades financeiras e empresas galegas: Caixa Galicia, Caixanova, Unión Fenosa, Inditex, Inveravante, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Banco Gallego, Grupo R, Gadisa Grupo Tojeiro, Hijos de J. Rivera, Grupo Coren, Epifanio Campo, Monbús, Grupo Nosa Terra-21 e Hijos de J. Barreras .
Na súa intervención, o xefe do Executivo galego remarcou que a participación da elite empresarial galega na recén creada Fundación Mixta da Cidade da Cultura é “un signo inequívoco de corresponsabilización na asunción dun reto do que o conxunto da sociedade galega debe saír beneficiada”. Engadiu que é tamén “unha manifestación do compromiso con Galicia e de confianza nos seus grandes proxectos de futuro. Un apoio público e sen ambigüidades que significa o compromiso con un proxecto de grande relevancia para o futuro de Galicia”, asegurou.
Nesta liña, agradeceu a todos e cada un dos membros do padroado a asunción da súa responsabilidade, “a xenerosidade, o compromiso e o traballo intenso que deberán despregar no organismo que hoxe se constituíu” e que supón, lembrou, un “paso de enorme importancia, pois –dixo-, significa a concreción dun modelo de xestión e a entrada en funcionamento do órgano reitor da fundación que se encargará de tomar as decisións e controlar os procesos que estou seguro –subliñou-, acabarán convertendo nun gran éxito colectivo, nun éxito de país, a Cidade da Cultura”.
A Fundación Gaiás constituída hoxe ten un carácter mixto, cunha participación case igualitaria do capital público e do privado. Para a constitución do novo organismo, o 49 por cento do capital foi achegado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o 51 por cento restante, por quince das principais empresas e entidades financeiras galegas.
Apertura de Galicia ao mundo
Emilio Pérez Touriño destacou, na súa intervención, que o complexo do Gaiás vai supoñer “unha nova posibilidade para a apertura de Galicia ao mundo e un motivo para que o mundo mire tamén cara Galicia”. En definitiva, remarcou, “unha aposta pola internacionalización e pola modernidade de Galicia” e “un lugar para o encontro, para o diálogo entre a cultura galega e a cultura universal”.
“A Cidade da Cultura é unha aposta pola inserción de Galicia na primeira fila da modernidade, polo abandono da periferia. E a cultura e todo o que ela trae consigo, será un dos instrumentos privilexiados co que lograr ese obxectivo, como xa o foi nos momentos máis brillantes da nosa historia”, engadiu ao respecto.
A Cidade da Cultura: “ponte entre España, Europa e América Latina”
O presidente da Xunta asegurou que, “Galicia quere estar no mundo que vén. Un mundo globalizado que está a procura de novos modelos de organización, de convivencia e de crecemento”. Nese mundo, dixo, “a comunicación, a creatividade, a innovación e a cultura van ter unha importancia crecente”.
Por iso, amosouse confiado en que a Cidade da Cultura se converterá nun elemento de “consolidación e enriquecemento da vida cultural en Galicia”. “A Cidade da Cultura deberá ser un factor de dinamización económica para o conxunto do país, un polo de vertebración territorial do corredor atlántico e un elemento de mobilización de grandes fluxos turísticos e un espazo para a internacionalización de Galicia, para a intensificación das nosas relacións con España, con Europa e con Latinoamérica”, concluíu.
Implicación da sociedade civil
Na súa intervención, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, incidiu en que a Cidade da Cultura vai redundar en beneficio de toda a sociedade galega e cualificou esta iniciativa como “un auténtico proxecto de desenvolvemento endóxeno da Galicia do século XXI”. “A Cidade da Cultura está chamada a ser un referente internacional na cultura internacional”, engadiu lembrando que permitirá dar “visibilidade a Galicia no mundo enteiro”.
Así mesmo, Ánxela Bugallo lembrou que a constitución dunha fundación mixta, con capital público e privado, permitirá abrir “unha nova etapa: a da implicación real da sociedade civil no proxecto”.
Pola súa parte, Juan Manuel Urgoiti, presidente da Fundación Gaiás, dixo que a constitución deste organismo supón “un paso de xigante” no desenvolvemento da Cidade da Cultura, un proxecto que cualificou como “dunha enorme transcendencia” e “de primeirísima magnitude”. Juan Manuel Urgoiti insistiu en que este proxecto está chamado a converterse “nun novo faro da cultura” e nun novo camiño, “o do século XXI para Galicia, España, Europa e Latinoamérica”.