VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, resaltou hoxe que a materialización do proxecto científico da Cidade do Mar, que estará ubicada nos terreos da ETEA en Vigo, “situará a Galicia como punto de referencia no ámbito da competencia internacional da investigación mariña e do desenvolvemento tecnolóxico, e ademais suporá a rehabilitación do barrio vigués de Teis
Segundo informou, o Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dos convenios polos que se materializa este proxecto, no que participan o Goberno galego, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello da cidade olívica, proxecto no que se investirán máis de 100 millóns de euros.
O presidente da Xunta explicou que o complexo da Cidade do Mar acollerá o Centro de Investigacións Mariñas do Atlántico, como “unidade de investigación de excelencia” cunha perspectiva interdisciplinar no que participarán o Consello Superior de Investigacións Científicas (CESIC), o Instituto Español de Oceanografía, as tres universidades e outras entidades públicas de investigación na nosa comunidade.
A Cidade do Mar, na que desenvolverán a súa actividade uns 400 investigadores, terá as súas liñas de investigación preferentes en ecosistemas mariños, en xenómica mariña, en acuicultura e na análise de sistemas mariños complexos.
Ademais, neste complexo científico terán cabida tamén aquelas unidades que coordina a Consellería de Pesca: a unidade Técnica de Investigación en Recursos Mariños, a Unidade Técnica de Acuicultura, e o Centro de Estudos en Socioeconomía marítimo pesqueira.
O xefe do Executivo galego remarcou que este proxecto materializa unha aposta decisiva no terreo da competitividade internacional, posto que en Galicia traballa algo máis do 20 por cento dos investigadores mariños que hai en España e a nosa comunidade aporta máis do 20 por cento de produción científica nesa materia.
Base científico portuaria para buques oceanográficos
Touriño sinalou que a Cidade do Mar vai ser a base científica portuaria para os buques españois de investigación mariña do Atlántico Norte, que operarán desde a área de instalacións náuticas portuarias deste complexo. Deste xeito, o novo centro actuará como elemento complementario á anterior unidade de investigación, “para desenvolver capacidades de innovación, tecido empresarial, servizos de equipamento, reparación de buques e captación de clientes”.
Unha ubicación “excelente”
O mandatario galego indicou que a implantación deste centro vaise realizar nos terreos que actualmente son propiedade da Zona Franca de Vigo e que proceden do antigo complexo militar da Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), o que converterá ao barrio de Teis nunha área de excelencia litoral da cidade de Vigo, posto que vai contribuír a desenvolver espazos públicos de “alta calidade” nunha aposta pola reurbanización dunha área moi importante para a cidade.
Así, o presidente concretou que se disporá de 41.464 metros cadrados de superficie que estarán dedicados aos usos científico-tecnolóxicos; 31.291 metros cadrados contarán con equipamentos deportivos e reservas de estacionamentos, que se devolven á cidade de Vigo en forma de equipamentos públicos para o barrio de Teis. Outros 7.582 metros cadrados serán para usos terciarios vinculados ás actividades complementarios da Cidade do Mar e, finalmente, 20.029 metros, para os viais de urbanización propiamente dita que serán terreos de uso público.
En virtude deste convenio, a Xunta accede á titularidade dos terreos referidos aboando ao Consorcio da Zona Franca unha compensación por dita transmisión de 18,5 millóns de euros, cifra que cofinanciará co Ministerio de Ciencia, que aporta 6 millóns de euros e a cantidade restante, o Goberno galego.
Pérez Touriño explicou así mesmo que a Xunta tramita o proxecto da Cidade do Mar como proxecto sectorial de interese supramunicipal, polo que no mes de xaneiro se asinarán os convenios que permitirán o inicio desta operación.
Un proxecto de alto interese para o presidente e o seu Goberno
“Foi un proxecto de alto interese para o Goberno de Galicia, para o seu presidente, que impulsei directamente e persoalmente porque considerei que era unha operación estratéxica, de calado, para colocar a Galicia onde debe estar. A ubicación é excelente, e creo que esta operación nos debe permitir dar un salto cualitativo nesta materia”, remarcou.
O desenvolvemento urbanístico da zona de Guixar
Complementariamente, o presidente da Xunta deu conta dun convenio que hoxe autorizou o Consello, entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Concello de Vigo para impulsar actuacións previstas na área de Guixar, en Vigo.
Mediante este acordo, a Xunta se compromete á execución do túnel de Xulián Estévez e ao desenvolvemento urbanístico da zona de Guixar, o que significará a transformación total do barrio de Teis, “unha ambición histórica de Vigo”, remarcou o presidente.
A construción deste túnel, cuxa realización está prevista no ano 2009, aliviará a conxestión e a mala comunicación interna desta área da cidade, e permitirá un novo acceso de conexión entre o Porto de Vigo e a autoestrada, unha nova comunicación para o barrio de Teis, que abre así mesmo novos accesos para a Cidade do Mar.