VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-O vicepresidente provincial, José Manuel Figueroa, e o delegado de Deportes, José Enrique Sotelo, presentaron esta mañá en Vigo o programa do I Torneo de Nadal da Deputación que se disputará os días 29 e 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro e reunirá nos campos de herba sintética de Candeán e A Madroa a 45 equipos das categorías de alevíns, benxamíns e prebenxamíns.
Máis de seiscentos xogadores tomarán parte nesta cita deportiva que permitirá ós equipos manter a súa actividade durante o parón na liga e aspira, en verbas do vicepresidente provincial, “a consolidarse e converterse nunha gran festa do fútbol”.
Cada equipo xogará un mínimo de tres encontros, o que implica un maior protagonismo de todos os equipos no torneo. Ademais, estableceuse un calendario para manter a actividade futbolística durante todo o día no escenario da competición.
Serán premiados gañadores, finalistas e terceiros clasificados. Pero, ó mesmo tempo, recoñecerase ó mellor xogador de campo e tamén ó porteiro máis destacado. Á marxe desto, cada futbolista participante recibirá un obsequio que se entregará na cerimonia de clausura o sábado pola tarde.
En categoría alevín, participarán os equipos do Teis, Coruxo, Hogar, Celta, Areosa, Ponteareas, Soutomaior, Sárdoma, Independiente, Castrelos, A Seca, Alerta, Candeán, Santa Mariña, Rápido de Bouzas e Tomiño.
Na benxamín, compiten os mesmos equipos, a excepción do Sárdoma, o Celta e A Seca, que serán substituídos por Nieto, Chapela e Victoria.
Por último, a categoría prebenxamín acollerá ós equipos do Teis, Candeán, Coruxo, Victoria, Nieto, Areosa, Ponteareas, Hogar, Coia, Independiente, Castrelos, Santa Mariña e Bouzas.