VIGO (MORRAZO-tribuna).- A Consellaría de Innovación e Industria – a través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño – promove unha nova edición da feira de artesanía Ofeitoaman, que se celebra en Vigo entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro. Durante o acto de inauguración que tivo lugar esta mañá, a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño destacou a importancia desta mostra de venda directa para a dinamización da comercialización da artesanía galega no interior do país.
Na súa intervención, Maruxa Ledo incidiu na aposta que se está a facer dende a Consellaría para deseñar unha promoción integral do sector artesán galego para o que se están a poñer en marcha diversos mecanismos como a campaña de publicidade “Galiza en estado puro”, a campaña de divulgación da marca entre os establecementos comerciais de todo o país – grazas á que se conseguiu pasar de 10 a un total de 103 tendas que distribúen Artesanía de Galicia – ou a participación en feiras internacionais de recoñecido prestixio a través do stand institucional da marca. “Todo isto compleméntase co noso apoio a feiras de venda directa de referencia en Galiza, como é o caso de Ofeitoaman, que funcionan como unha ferramenta de comercialización do noso produto artesán, ademais de facilitar o contacto directo entre a sociedade e os propios artesáns”, sinalou a xerente da Fundación.
Os 40 expositores que participan na feira – todos eles galegos, agás tres procedentes de Barcelona e de Portugal – poderanse visitar ata o vindeiro 5 de xaneiro en horario de 11:00 a 14.00 horas e de 16:30 a 21:00 horas, agás os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, nos que a feira permanecerá pechada.
O apoio á comercialización do produto artesán galego é un dos obxectivos nos que se basea o traballo da Dirección Xeral de Comercio. A promoción da marca que se está a realizar en feiras internacionais compaxínase coa promoción da marca e das súas pezas no mercado interior de Galiza, a través de feiras de artesanía consolidadas como é o caso de Ofeitoaman.