19 diciembre 2008

“Move Vigo Nadal 2008” celebrará ata o 6 de xaneiro 80 actividades nos 22 barrios e parroquias vigueses

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Un total de oitenta actividades desenvolverá o programa “Move Vigo Nadal 2008” ao longo dos barrios e as parroquias da cidade, segundo explicou o concelleiro de Cultura, Xesus López. Na presentación do programa, na que tamén participou o vogal de Cultura da Federación Veciñal Eduardo Chao, Xosé Couñago, o edil do BNG subliñou que deste xeito, a programación organizada polas diferentes asociacións veciñais de Vigo “busca achegar as actividades culturais a todos os barrios e parroquias da cidade”.

Xesus López destacou que o “Move Vigo Nadal 2008” é unha programación “moi ampla, na que todos os públicos teñen cabida”, e na que a veciñanza é “partícipe”, polo que expresou o seu agradecemento a todas as persoas que colaboran na súa confección. Ao respecto, o vogal de Cultura da FAVEC, agradeceu ao concelleiro de Cultura do Concello de Vigo a súa colaboración. “Grazas ao convenio que temos coa Tenencia de Alcaldía e coa Concellería de Cultura podemos coordinar cinco programas de Move Vigo que se desenvolven ao longo do ano e remata co de Nadal”, sinalou Xosé Couñago.

“MoveVigo Nadal 2008” celebrará oitenta actividades que ata o vindeiro 6 xaneiro extenderán o nadal a 22 barrios e parroquias da cidade, “dirixidas sobre todo aos rapaces e rapazas, pero tamén ás familias”, indicou o representante da Federación Veciñal. Mañá terá lugar un concerto de nadal na AVCD de Lavadores, ás 20 horas, a cargo da Coral Polifónica do Centro Social Rivera Atienza. E na fin de semana haberá actuacións en San Xoán Poulo, Fonte do Galo, Valadares, Beade, Cabral, Candeán, Comesaña e Castrelos.
O nadal veciñal, no que participan 22 asociacións veciñais celebrará 18 festivais e concertos, con panxoliñas, concertos corais, bandas de música e actuacións das rondallas, mentres que o fin de ano tamén se celebrará nos barrios e parroquias, como Valadares, Cabral, Val do Fragoso, O Freixo e o Vilar, que teñen preparadas festas de fin de ano coa actuación de orquestras e picadiscos. Castrelos e Beade tamén serán unha festa coa celebración do tradicional baile de reis o 5 de xaneiro. As asociacións veciñais organizarán tamén espectáculos con representacións teatrais, escenificacións de reis e preto de 60 actuacións de música e baile, como actuacións corais, concertos de bandas de música, grupos tradicionais, pasarrúas de rondallas, baile moderno e actuacións de grupos de play-back, entre outros.
Para os cativos e cativas, o “Move Vigo Nadal 2008” dispón dunha oferta específica con obradoiros infantís de nadal en O Freixo e Teis, e terán a oportunidade de falar con Papa Nöel e co Carteiro Real ou de presenciar as cabalgatas e visita dos Reis Magos en Beade, Zamáns, Saiáns e Valadares, pero tamén poderán gozar con obras de teatro infantil, animación, concursos e sorteos.
A programación que as diferentes asociacións veciñais levan a cabo nos seus respectivos barrios e parroquias, financiada pola Tenencia de Alcaldía e Concellería de Cultura, pode ser consultada en calquera asociacións veciñais federadas e na páxina web www.movevigo.com.