VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, afirmou que o BNG seguirá adiante co camiño aberto de cambio transformador do País. Asegurou que no caso do concurso eólico cuxo resultado se deu hoxe a coñecer, isto concrétase en que “por primeira vez na historia do pais unha decisión económica importante para Galiza se toma no ámbito das institucións públicas democráticas, que é onde hai que tomalas, fronte ao que acontecía antes, durante moitos anos, nos que as decisións importantes se tomaban en determinados ámbitos mediáticos ou nos Consellos de Administración dalgunha empresa e isto co BNG acabouse”.
Quintana, durante a súa intervención na tradicional cea comarcal do BNG de Allariz-A Limia (na que tamén falou o senador Xosé Manuel Pérez Bouza), asegurou que esta forma de facer política baseada na transparencia e na aposta por unha economía con raíces, fronte ao modelo vixente, “de casino” e “especulación”, é o que lle dá credibilidade aos nacionalistas entre a cidadanía para facer fronte ao actual contexto de crise.
Para o líder nacionalista, o próximo período eleitoral chega no mellor momento político da historia do nacionalismo galego. “Prometemos o cambio e que Galiza fora respeitada e decisiva en Madrid e o BNG cumpriu e iso a xente valórao”, afirmou.
Agora cómpre, engadiu, pór en valor estes cumprimentos e compromisos de tal xeito que exista o maior apoio da xente para conseguir aínda máis cambio, máis transformación e máis presenza de Galiza no Estado, “O BNG é unha forza que cumpre e o BNG quere máis cambio”.
Os logros dos nacionalistas no goberno
Anxo Quintana fixo un repaso polas distintas áreas de xestión nacionalista e algúns dos seus logros, salientando a rede pública de Servizos Sociais e o Sistema Galego de Benestar, “pois tivo que ser o BNG o que os puxera en marcha e Galiza poidera contar cunha rede de servizos e programas neste ámbito”. Para o vicepresidente da Xunta, un cambio transformador é tamén unha política cultural que por primeira vez ten en conta a identidade do País e non se avergonza dela ou unha política de Vivenda que pensa na xente e non no ladrillo e na especulación.
Asemade, referiuse a aqueles espazos que todo o mundo cría perdidos para a economía e que se puxeron en valor para xerar riqueza, en referencia ao medio rural. Neste sentido, pediu que se fixera un exercicio e se comparara os DOGs de hai uns anos cos desta lexislatura, pois se no pasado todas as ordes publicadas ían dirixidas ao abandono do rural agora é precisamente todo o contrario.
O portavoz nacional do BNG tamén se referiu á necesidade dun novo Estatuto como prioridade para Galiza e fixo un emprazamento ás restantes forzas políticas para que digan claramente cal é a súa posición ao respeito, advertindo que non serven frases feitas senón posicionamentos claros, “pois os cidadáns queren saber o que se vai facer”.
Máis cambio
Nesa liña, Quintana pediu que o apuntaran “na lista dos insatisfeitos que queren máis cambios e a un ritmo máis veloz”; porén, sinalou a importancia de valorar o traballo feito até agora, e salientou que “para facer camiño, todos os pasos contan, sempre que se dean na dirección correcta; e o BNG vai na dirección correcta”.