QUINTANA ANUNCIA UN PLAN DE ESTÍMULO ECONÓMICO PARA GALIZA QUE PORÁ EN MARCHA NOS 100 PRIMEIROS DÍAS DE GOBERNO PARA CREAR 25.000 POSTOS DE TRABALLO
O candidato asegura que reclamará a Zapatero “que se comprometa a levantar o veto contra a construción naval en Galiza”
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun mitin no pavillón municipal de Lugo antes máis dun milleiro de persoas no que tamén interviron o portavoz municipal, Xosé Anxo Laxe, a candidata Ester López e o cabeza de lista por Lugo, Fernando Blanco.
Na súa intervención, Quintana quixo ofrecer hoxe aos máis de mil asistentes ao mitin “valentía política, disposición de servir ao pobo dende o goberno e traballo incansábel para que Galiza sexa respetada no estado, en Europa e no mundo” e, nesta liña, quixo anunciar unha batería de medidas contra a crise que o BNG quer pór en marcha nos 100 primeiros días de goberno.
Indicou que neste prazo, o BNG levará adiante “un plan de estímulo económico contra a crise co que se xerarán 25.000 postos de traballo nos dous primeiros anos de goberno, con claridade, responsabilidade e firmeza”. Anunciou tamén que reclamará nos 100 primeiros días de goberno ao “señor Zapatero que se comprometa a levantar o veto contra a construción naval en Galiza”.
O candidato nacionalista explicitou que nos tres primeiros meses de lexislatura o BNG convocará “ás empresas para pór en marcha o grupo lácteo galego e no mesmo mes de marzo poremos en marcha os grupos de acción local para aproveitar os fondos do plan Leader”.
O número un nacionalista anuciou para abril o “segundo plan de inclusión de mozos e mozas na actividade agraria en gandeira e nos 100 primeiros días de lexislatura un plan de fomento do emprego xuvenil, atendendo aos novos nichos de traballo, a economía de coñecemento, o medio ambiente e creando 5.000 novos postos de traballo para xente moza que padece a lacra do paro”.
Finalemente, Anxo Quintana apostou por dar un “novo impulso ao sistema galego de benestar” para crear 3.000 novos postos de traballo. Son, segundo dixo “compromisos directos e claros avalados polo que foi a nosa acción de goberno. Xa o fixemos e por iso temos a credibilidade de presentarnos diante de vostedes e dicirlles o que imos facer”.
Ademais, o candidato nacionalista anunciou un plan financeiro que acompañe ao plan económico de choque que viña de anunciar e que pasaría por poñer en marcha tamén nos primeiros días de goberno “unha banca pública galega para dar crédito ás empresas e ás familias”.
Non podemos agardar
“Non esperaremos un só día porque as solucións non admiten espera, algunhas levarán máis tempo do que desexaríamos, pero non podemos esperar un día máis”, dixo o cartel do BNG e aclarou que “non imos parar a preguntar se lle parece ben ou mal a Madrid”.
O líder do BNG quixo pedir o voto na “cidade creada polo Imperio Romano, “para unha forza política creada a si mesma, pola xente honesta durante toda a súa historia, con esforzo, con traballo, dende a base” e por iso dixo que “non podemos permitir non estamos dispostos a permitir que se intente trasladar a idea de que todos somos iguais. Non somos todos iguais”.
Quintana aludíu en varias ocasións ás orixes romanas da cidade, en referencia ao seu vídeo electoral no que se recrea a película “Espartaco” e explicou que “os romanos entendían por provincia, terra conquistada”, e indicou que é “curioso que haxa forzas políticas cuxo único obxectivo é continuar na obra dos romanos, pero non coas ensinanzas culturais ou o patrimonio, senón á obra de que Galiza siga sendo provincia conquistada. E o BNG pídevos hoxe o voto para que Galiza sexa o contrario, para sermos un país libre”.
Debate
O número un nacionalista emprazou de novo ao PP a debater para “contrapor as nosas propostas” e anunciou que un medio de comunicación vén de lanzar unha nova proposta para realizar un debate na campaña”.
No BNG “tardamos media hora en contestar si e sen condicións” e anunciou que ten remitido unha carta “ao señor Feijóo para dicirlle que tamén estea, que non perda esta oportunidade, que abandone a campaña da mentira e difamación e veña á campaña do debate, da democracia e a transparencia. Alí é onde ten que estar, cara a cara”.
“É a historia de Galiza de sempre”, lamentou Quintana, “algúns queren que sexa a historia para sempre” e por iso, “o PP propón que Galiza siga facendo o mesmo de sempre e plantexa para a enerxía eléctrica en Galiza o mesmo que os romanos plantexaban nas minas de ouro do Caurel levar os recursos para outra parte”.
Tivo que ser o BNG, quen cambiara a historia, tal e como dixo Quintana, “para que sexamos os galegos os donos dos nosos recursos, que Galiza poida ser dona de seu, rompendo a historia que os romanos empezaron co ouro e o protagonista foi un indíxena galaico, de Lugo, Fernando Blanco”.
Anxo Quintana finalizou o mitin amosando a papeleta do BNG e indicou que é “a papeleta que abre as portas a máis transformacións, máis respecto para Galiza, a papeleta que trae a posibilidade dun país sen caciques”.