Ana Fernández Pulpeiro, xerente da Universidade de Vigo:
-“A Xerencia, sempre que se lle chamou, estivo disposta a falar de calquera tema con todos os que buscaron o diálogo”
VIGO/PONTEVEDRA (MARI CARMEN ECHEVARRIA / DIARIOO DA UNIVERSIDADE DE VIGO) .-Cando se cumpre un ano da súa incorporación á fronte da Xerencia da Universidade de Vigo, Ana Fernández Pulpeiro asegura sentirse satisfeita, aínda que a continuación deixa claro que “a miña filosofía é a da mellora continúa, e polo tanto creo que as cousas sempre se poden facer mellor”. Un ano no que viu a luz o Plan Operativo de Xestión, a folla de ruta pola que a Universidade de Vigo vaise guiar no ámbito da xestión, e que a xerente cualifica de “ambicioso, pero factible”. A consecución dunha xestión baseada nun modelo de excelencia; a mellora dos procesos internos de xestión académica, extensión e de I+D+i ou o establecemento dunha política integral de persoal, son algúns dos obxectivos estratéxicos do Plan, froito da participación dun amplo sector da comunidade universitaria. En canto ás relacións que a Xerencia mantén cos representantes sindicais dos traballadores, Fernández Pulpeiro, cualifícaas de “normais”, ao tempo que reitera a súa disposición “a falar de calquera tema, con todos os que buscan o diálogo”.
-O Consello de Goberno na súa sesión ordinaria de xaneiro aprobaba o Plan Operativo de Xestión, un documento que viu a luz tras un longo proceso de elaboración e que ten a finalidade de dar unha resposta aos retos que formula o Plan Estratéxico á xestión da Universidade. Con esta aprobación, comeza xa, de feito efectivo, a aplicación do Plan?
A aprobación do Plan Operativo de Xestión por parte do Consello de Goberno dá o pistoletazo de saída para a súa posta en marcha, o que non quere dicir que estiveramos parados, xa que se avanzou nos grupos que xa están definidos e formados no propio Plan para levar a cabo os obxectivos de cada un. Creo que vai ser o mapa que nos vai indicar cara onde queremos ir no ámbito de xestión. O Plan formula grandes eixos estratéxicos que van da modernización de toda a xestión administrativa, ata o desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e da comunicación, pasando polos dous grandes procesos que temos que atender que son a docencia e a investigación. Creo que o máis importante de todo é que xa está definido un cadro de mando onde se identifican os obxectivos operativos e, a parte, as accións, con aquelas metas para a súa consecución e os indicadores que medirán o grao ou non de consecución dos obxectivos, identificando responsables para levalo a cabo, o que é un compromiso desde o punto de vista de xestión para as actuacións dos distintos períodos.
-Situándonos no máis inmediato, cales son as primeiras actuacións que contempla o Plan Operativo de Xestión que sexan unha realidade?
Desde un Plan de Calidade para todo o ámbito de servizos e xestión, ata un sistema de compras corporativo, así como o que sería a adecuación de toda a estrutura desde o punto de vista económico para mellorar as actuacións e que a comunidade universitaria poda traballar mellor.
Desde o punto de vista das tecnoloxías da información e comunicación implantaremos novas ferramentas informáticas nas catro ámbitos básicos: investigación, académico, xestión de persoal e xestión económica. Estamos comezando pola área académica coa implantación de Xescampus que será todo un reto, tendo en conta a complexidade que supón cambiar todo o sistema informático da área académica. Cremos que estaría rematado en setembro coa matrícula para todas as titulacións, ademais de actas e información para estudantes.
Dentro do programa de xestión de investigación, a xestión de proxectos e contratos de investigación será un instrumento básico para a realización de unha das tarefas máis importantes e que máis déficit desde o punto de vista administrativo ten.
E tamén presentaremos o Plan de Sistemas da Universidade no ámbito da xestión, con proxectos colaterais desde o punto de vista informático como o voto electrónico ou a administración electrónica.
-A descentralización é un dos grandes eixos de actuación do Plan Operativo de Xestión. En que momento se atopa este proceso e de que xeito se vai seguir avanzando para igualar a prestación de servizos nos tres campus?
A descentralización é unha das grandes actuacións na que temos que centrarnos pola propia estrutura de campus da Universidade, buscando a equidade na prestación de servizos, é dicir que toda a comunidade teña os mesmos servizos con independencia do lugar no que se atope. Isto non quere dicir que teñamos que duplicar e triplicar os servizos administrativos, senón utilizar os medios tecnolóxicos máis avanzados. Xa se fixeron actuacións en este sentido como a descentralización dos contratos de todo o persoal que xa non se ten que desprazar ao campus de Vigo. Tamén a descentralización de bolsas. Xa se están dando pasos para aproximar o servizo ao usuario en moitos ámbitos.
-A necesidade de contar cuns profesionais ben formados é outra cuestión que o Plan Operativo de Xestión aborda. De que xeito?
O Plan de Formación é un plan ambicioso que por primeira vez se entende dun xeito global para os distintos ámbitos, cun enfoque para dar os coñecementos técnicos precisos para desenvolver o traballo, pero tamén aquelas habilidades necesarias como informática, idiomas e outros máis específicos. O Plan entendemos que vai ofrecer a posibilidade de que o conxunto do persoal dispoña de unha oferta global que lle dea capacidades, habilidades e coñecementos para o desenvolvemento non só das súas tarefas, senón todo o desenvolvemento de futuro. En este sentido quero lembrar que o eixo de persoas que contempla o Plan Operativo de Xestión busca unha política integral de persoal, tanto desde o punto de vista de dispoñer dos mellores profesionais na prestación de servizos, como que poidan ter un desenvolvemento da carreira profesional e persoal.
-Comentabamos ao principio que o Plan é froito do traballo de moitas persoas que ao longo de meses realizaron as súas achegas para que o documento fose unha realidade. Como avalía ese proceso de elaboración de este Plan Operativo de Xestión?
Estou francamente satisfeita de como se traballou por grupos, do esforzo de posta en común da xente, porque é un esforzo complicado por que a maioría da xente carece da experiencia e dos coñecementos de planificación. Síntome moi satisfeita e estou moi agradecida a todos os que participaron por que isto non é esforzo de un. Sen embargo agora ven unha parte complicada que é levalo a cabo, porque é ambicioso, pero factible de ser executado se somos quen de cambiar un pouco as formas e traballar con coordinación, cooperación, contando con profesionais altamente cualificados e con orgullo de pertencer á institución.
Ademais hai que lembrar que o Plan está deseñado a catro anos, con accións definidas e liñas de acción que continúan ó longo de todo o período. Agora toca desenvolvelo, pero un plan estratéxico ten que realimentarse continuamente e facer axustes progresivamente.
-Despois que o Plan lles fose presentado previamente, como avalía o rexeitamento amosado polos responsables da xunta de persoal de dos comités de empresa no Consello de Goberno no que Plan foi aprobado?
O Plan Operativo de Xestión foille presentado ao conxunto dos representantes sindicais no mes de outubro e amosaron o seu apoio. Díxosenos que era un plan ambicioso e que o difícil, realmente, ven agora , precisamente ver se eramos quen de acadar o que reflicte e que, polo tanto,o positivo era que a Universidade xa dispuña dun enfoque global para conseguilo.
A postura amosada no Consello de Goberno responde a cuestións que a propia xunta de persoal entenderá, pero creo que tampouco se pode distorsionar a implantación efectiva. A Xerencia estará sempre disposta a negociar en todos os ámbitos para os que están os representantes sindicais e os órganos de representación e nas distintas comisións creadas a tal efecto. Este é un traballo de todos e non de un ámbito exclusivo da Xerencia.
-Que momento considera que atravesan as relacións entre a Xerencia e os representantes sindicais dos traballadores da Universidade de Vigo?
Por parte da Xerencia entendo que as relacións son normais no que se entende que son as relacións entre o ámbito de dirección da Universidade e os representantes dos traballadores. Hai moitos temas nos que se avanzaron: sacouse o concurso de traslado de persoal laboral, avanzouse nas distintas comisións do convenio colectivo e tamén, de acordo coas propias comisións creadas para levalo a efecto, aprobouse a relación de postos de traballo do persoal funcionario, necesario para a convocatoria do concurso de traslados que xa están en proceso de execución e que non se facía desde o 2003.
Tamén se fixo a convocatoria de promoción interna para os grupos A e C que quedaban pendentes. Estamos nos procesos dos grupos de traballo cos temas pendentes das modificacións de RPT e de carreira profesional e as cuestións que formulou a propia xunta de persoal.
Son unhas relacións normais, os acordos non teñen que ser unánimes, senón que unhas veces estamos de acordo e outras non. É unha cuestión habitual e normal. Creo que algunhas das cuestións puntuais que xorden, pódense falar e retomar todas as malas interpretacións e desinformación que puido haber. A Xerencia sempre que se lle chamou para falar de calquera tema estivo disposta a falar con todos os que buscaron o diálogo.
-Como economista e experta en xestión na administración, como observa a situación de crise económica que estamos a sufrir?
A Universidade de Vigo ten unha situación económica saneada e estable, pero aínda así non se pode obviar que o escenario é complicado.Preocúpame non só por ser economista, senón por ser responsable da Universidade que é unha institución básica no entorno social. É evidente que lle vai repercutir directa e indirectamente o que pase no entorno económico, pero creo que hai que enfrontalo como unha oportunidade, ver en que podemos ser fortes e contribuír a que isto mellore. Creo que o ámbito da educación, a investigación e a innovación pode ser clave en este proceso. As necesidades de formación, de capacitación no mundo laboral serán unha das facetas importantes e polo tanto o que pode ofrecer a Universidade de Vigo pode ser clave para dar unha resposta a esta demanda social igual que a transferencia de investigación e innovación e capacitación para as novas actividades e o novo enfoque do modelo económico en Galicia. A Universidade de Vigo ten, polo tanto, un papel substancial.
-Acaba de cumprirse un ano da súa chegada ao cargo. Que balance fai deste período que supuxo o seu regreso a unha institución na que xa desempeñara outro cargo con anterioridade?
E para min un honor e un orgullo pertencer a Universidade de Vigo e ser xerente, estou satisfeita. Persoal e profesionalmente estou contenta e creo que ademais é un reto moi importante,porque as universidades son institucións moi complexas e difíciles de xestionar e polo tanto é un gran reto. Non hai que esquecer que a xerencia é unha labor de equipo e o que se consiga mellorar é un logro de todos.