19 febrero 2009

Polémica con el servicio de Vitrasa que termina en territorio redondelano

O PP DE REDONDELA ESÍXELLE Ó GOBERNO LOCAL UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA PARA GARANTIR A GRATUIDADE DO SERVIZO DE VITRASA ÓS XUBILADOS DE CHAPELA E OUTRAS PARROQUIAS
-Os populares acusan ao Concello de Redondela de permanecer inactivo no momento en que o Goberno de Vigo tomou a decisión de deixar de financiar este servizo, esixíndolle solucións inmediatas

REDONDELA (MORRAZO-tribuna) .- O Partido Popular de Redondela quere amosar o seu apoio ós xubilados de Chapela e outras parroquias redondeláns ante a negativa, por parte do Concello de Vigo, de non financiar o transporte nos autobuses de Vitrasa para viaxar de maneira gratuita. Os populares reclámanlle e esíxenlle ó Goberno de Redondela unha solución inmediata, “ben negociando con Vigo, coa concesionaria da liña ou ben incluindo este gasto nunha partida do seu presuposto”, explica a edil e candidata ó Parlamento Galego Lorena López. “O goberno local debe defender os dereitos destes usuarios garantíndolles a gratuidade do servizo, do que levan disfrutando máis dunha década”, sosteñen os populares, que califican o acontecido como “unha burla, insulto e despropósito cara estes veciños”.

Pese a que dende o Concello de Redondela afirman que intentarán restablecer este servizo, o PP acúsao de non ter intervido antes, “quedándose de brazos cruzados e actuando sempre a remolque das consecuencias, debido á falla de planificación”; pois xa foi no mes de decembro cando o Concello de Vigo chegou a este acordo no pleno, poñéndoo en práctica ó comezar o ano. “O Concello de Redondela non debeu permanecer inactivo, posibilitando que se chegara á actual situación, senón que debeu de actuar de inmediato e non esperar a escoitar as queixas e reclamacións dos nosos maiores”, sinala López, “polo que lle esiximos que comecen de inmediato as negociacións, restablecendo de contado o servizo”, engade.

Os veciños afectados, que quedaron a partir de xaneiro sen a tarxeta verde que lles permitía viaxar de maneira gratuita, son os que empregan a liña C-3, que enlaza a Vigo con Chapela e a L-28, que chega ata os barrios de A Lamosa, en Trasmañó, e Pregal, en San Esteban de Negros. Neste senso, o PP lembra tamén a xenerosidade dos veciños de Chapela cara á Vigo, “xa que só se conta con esta parroquia para pasar o tráfico pesado das industrias emprazadas na cidade, ubicar unha depuradora nas proximidades da Arealonga, sobrelevar as verteduras da canceira e moitos outros prexuízos soportados polos veciños de Chapela derivados da súa proximidade con Vigo” apunta López.