Táboas lembra o papel xogado polo BNG na resolución dos problemas da PLISAN, “que deixou Núñez Feijoo”
QUINTANA ASEGURA QUE “OS SEÑORITOS NESTE PAÍS SON AQUELES AOS QUE LLES DÁ 'ASCO HABLAR GALLEGO', OS SEÑORITOS SON RAJOY E FEIJÓO”
-O candidato do BNG empraza aos medios de comunicación a convocar un debate “sen condicións, a dous ou a tres, tanto me ten”
PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun mitin en Ponteareas, no que interviron a responsábel comarcal, Sandra Araúxo, o candidato número 8 por Pontevedra, Roberto Mera, e a cabeza de lista, Teresa Táboas.
O candidato nacionalista iniciouo mitin aludindo ao inicio “da recta final desta campaña que nos ten que levar a unha grande victoria” e indicou que o BNG inicia esta recta final “con un tremendo ánimo e unha maior ilusión”, e asegurou que “que está na nosa man conseguir un resultado histórico o día 1”.
“Depende do noso traballo e o noso esforzo”, dixo. Anxo Quintana aludíu ao inicio da súa xornada de campaña hoxe en Baños de Molgas “unha aldea na que nos 70 moitos empezamos a traballar para que este país contara cun proxecto político propio”.
Galiza é unha nación, afirmou de xeito rotundo, “porque ten idioma propio, cultura, realidade social relación económica e a súa propia xeografía”, esta nación, continuou, “ou é de verdade ou acaba de ser cando é capaz de dotarse de forzas políticas propias”.
“Fomos capaces de construír unha forza política propia do país co traballo e o esforzo, nunca nos regalaron nada”, asegurou, “asi se creou o BNG, co traballo de todos e todas”. “Nós non nacimos no laboratorio de ningún medio de comunicación, nin no despacho de ningún clube financeiro, nin somos o produto das cábalas políticas do Consello de Administración dunha grande empresa. Somos o produto do pobo, do traballo denodado de tanta xente que gastou o seu esforzo para crear un proxecto político que hoxe é o orgullo de todo o país”, afirmou de xeito contundente, “iso é o BNG e iso é o que nos diferencia das restantes forzas políticas, o noso proxecto e a nosa historia”.
Anxo Quintana quixo comparar esta realidade coa do PP e aludíu ao feito de que “o señor Rajoy e Feijóo levan uns días chamándome señorito, a min, a min que nunca formei parte do Consello de Administración de ningunha gran empresa, que non me criei para ser funcionario de carreira nin nunca utilicei a miña actividade política para enriquecer a uns poucos”.
“Neste país, ao señoritos os coñecémolos por outra cousa. Son aqueles que se afastan do pobo, son aqueles que mandaron sempre por prescrición divina, aqueles aos que lles dá “asco hablar gallego”, 'ese idioma de los pobres'. Os señoritos neste país non perderon o seu tempo polas corredoiras creando sindicatos de labregos e de traballadores”, concluíu.
“Os señoritos naceron nun despacho do franquismo para utilizar a democracia e favorecer a uns poucos”, concluíu, “éses son os señoritos, o señor Feijóo e o señor Rajoy”.
O próximo día 1 xogámonos moito, tal e como indicou Quintana, “xogámonos seguir traballando nese camiño ou poder volver atrás, ser o quer o señor Feijóo, unha rexión de quinta categoía aos pés do señor Rajoy”.
MacGyver
O líder nacionalista confesou que durante estes tres anos e medio de goberno “téñome sentido un pouco como aquela serie dun tal MacGyver, que con tres fíos montaba un coche. Porque en Galiza temos un autogoberno débil, con poucas competencias e, con eses instrumentos tan febles, temos feito un plan de vivenda, un sistema galego de benestar. Con case nada nas mans cambiamos a historia enerxética deste país para que non estea nas mans dos catro de sempre”, continuou, “e que Galiza se beneficie de ser produtora de enerxía eléctrica. Sen nada, sen case nada, temos posto a McGyver á altura dun peón de quinta”.
Nesta liña destacou o traballo feito cunha rede pública de atención aos maiores, a través do Banco de Terras, co Plan de Vivenda. “Ése é o labor que queremos seguir facendo”, insistíu, e advertíu de que “a alternativa é a do señor Feijóo que a dixo moi clara: quero gaña en Galiza para iniciar dende Galiza a reconquista de España. Utilizar a nosa terra para poña como carne de canon ao servizo de Rajoy”.
Por iso afirmou que “o señor Feijóo quere utilizar a Galiza e nós queremos servir a Galiza”. Asi, afirmou que os populares queren poñer ao país ao servizo “dos catro amigos que queren facer negocio”. Por iso, segundo asegurou, o PP “está a facer unha campaña en negativo. Por onde vai pecha algo” e aludíu ao anuncio do líder popular de que quere pechar as galescolas e contrapuxo a actitude do BNG: “nós imos gobernar con máis forza aínda. O que imos facer son 10.000 novas prazas para que os nenos e as nenas teñan educación en todas partes”.
Advertíu tamén da intención do líder popular de “tirar o concurso eólico para que fagan negocio os seus amigos de sempre”, e quixo advertirlle de que “se vostede fai iso, sería bo que lles dixera aos galegos e galegas a que empresas de fóra lles vai dar os megavatios” e ironizou co feito de que lle pensa dar “ás empresas do señor Correa”. Anxon Quintana criticou os “contratos millonarios a esas empresas corruptas que agora sabemos que concederon cando foi o das vaca tolas. Eles, que tanto se preocupan pola austeridade e o gasto público, sabemos agora que o goberno galego comprou entre outras cousas unha mesa do século XVIII que valeu 33.000 euros. O problema non é ese, o problema é que agora a mesa non aparece, a ver onde está!”. Quintana ironizou coa mesa e perguntoulle a Feijóo se está “gardada na casa de algún dirixente do PP para firmarlle un contrato ao señor Correa. Sonche os de sempre, coas mesmas cantinelas, as mesmas mentiras, a mesma difamación”, continuou, “pensan que por ter amigos e medios de comunicación poderosos vannos arrugar a estas alturas, a min”, dixo, “a min que nestes 30 anos de traballo nos que teño cometido multitude de erros, como ser humano claro que me equivoco, en 30 anos non teño movido un só dedo para intentar que se beneficien señoritos a conta do pobo galego. Teño a conciencia tranquila.
“Por iso vos pido o voso voto e que traballemos para que o día 1 reventemos as urnas con votos ao BNG porque é o futuro o que está en xogo, a posibilidade de que Galiza siga avanzando” e, nesa liña, volveu aludir á metáfora televisiva indicando que “non teño alma de MacGyver” e aludíu á necesidade de termos máis competencias.
Por isto reclamou un “Novo Estatuto como unha gran caixa de ferramentas para traballar e poñer os recursos ao servizo do país”, dixo, “quero un novo estatuto para ter os mecanismos financeiros para que a xente sexa o primeiro, porque sempre ten que estar antes que os beneficios, para que Galiza sexa respetada”.
Novo Estatuto
“O que propón Feijóo é o contrario”, dixo, “o que propón é o da película “O incríbel Home Minguante”, que empezou “falando a reforma estatutaria, foise empequenecendo e agora di que hai que devolver competencias a Madrid, esa é a confianza no país que ten o señor Feijóo”, continuou, “nós precisamos un Novo Estatuto para ter ferramentas para xerar benestar e o que precisa él é un teléfono para chamar a Madrid e pedir ordes”.
Quintana reiterou a necesidade de que haxa debates na campaña e tirou a luva aos medios de comunicación “quero lanzarlles unha proposta, pídolles que convoquen eles aos candidatos a un debate pensando en que os debates son un dereito da xente e eles teñen que dirixirse á xente. Que nos convoquen, que poñan día e hora. Eu anuncio que irei, en calquera medio de comunicación. E para que o señor Feijóo non teña disculpa xa me é igual que sexa a tres ou a dous, que poña el as condicións”. “Porque o BNG non ten nada que ocultar, o señor Feijóo si, por iso quere a campaña da mentira. Espero que alguén colla o testigo como un dereito dos cidadáns”
“Feijóo ten moito pasado, o que non ten é futuro”, dixo, “pretenden desmoralizarnos que non haxa debate, lanzar infundios, mentiras e difamacións para desanimarnos. A nós que levamos toda a vida traballando para construír un proxecto político para o país sen máis instrumento que a nosa cabeza e os nosos brazos. Agora é cando estamos máis ilusionados ca nunca”, concluíu.
Teresa Táboas asegura que o PP “xestiona o medo e carece de propostas”
A candidata, que Roberto Mera presentou como “a conselleira mellor valorada do goberno galego”, asegurou que “o próximo un de Marzo, os galegos escollemos o novo Parlamento e o novo presidente de Galiza”. “Debemos escoller o noso”, sinalou.
Táboas asegurou que Núñez Feijoo se presenta como a renovación, pero tamén ten pasado. Nesa liña, lembrou que en 2004 asinou un convenio cos graveiros da Plisan e deixou fóra os propietarios das compensacións. “Levamos tres anos e medio traballando e dando a cara, e agora os propietarios da Plisan van ver resolto o problema”, dixo.
Ademais, lembrou o proxecto de colaboración entre Vivenda e Cultura para recuperar a casa de Roxelio Groba, compositor ponteareán, como sede da Fundación Groba.
“Que non se presente o señor Feijoo como a renovación, porque eles son os xestores do medo, xogan a xestionar a crispación e carecen de propostas”, asegurou. “Nós, o BNG, somos os xestores da esperanza”, asegurou. Táboas concluíu o seu discurso reafirmando o compromiso do BNG co emprego e coas persoas afectadas pola crise