22 febrero 2009

Quintana confía en el ascenso del BNG en todas las provincias en las elecciones del 1-M

QUINTANA AUGURA UNHA “SUBIDA AO BNG EN TODAS AS PROVINCIAS” E REIVINDICA O SEU PAPEL DE “FORZA POLÍTICA DO POBO GALEGO”
-O candidato afirma que este país “precisa dúas cousas: un Novo Estatuto e un goberno disposto a aplicalo e o BNG é a única forza política disposta a facelo”

CANGAS (MORRAZO-tribuna) .- .- O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta mañá nun mitin no pavillón de Rodeira, no que tamén interviron a alcaldesa Clara Millán, o candidato Bieito Lobeira, e a cabeza de lista por Pontevedra, Teresa Táboas.

O candidato nacionalista lembrou no inicio do acto a súa presenza hai 32 anos en Cangas “facendo a viaxe en barco dende Vigo, e atopeime coa memoria do que tiña sido un terríbel naufraxio acontecido naquel ano”. “ Mozos e mozas coma mín que traballaban no país construían daquela o que lle faltaba a Galiza para ser nación de verdade, unha forza política propia”, dixo.

Daquela, Quintana lembrou que se emocionou co labor dos compañeiros e compañeiras do Morrazo que estaban a amosar naquel momento “respeto, cercanía e compromiso insobornábel para defender a conquista de melloras laborais. Asi somos nós. Asi construíuse esta forza política”, asegurou. “Nacimos dende a terra, somos a forza política do pobo e ése é o noso gran orgullo e a nosa gran satisfacción”, dixo.


Quintana criticou a Feijóo e Rajoy por chamarlle “señorito”, malia as súas orixes e asegurou de xeito rotundo que “os señoritos son aqueles que desprezaron aos que falabamos galego, ese idioma de pobre e de palurdos” e contrapuxo a actitude do nacionalismo: “Nós guiámonos pola máxima do poeta: mirade a lingua que falo, desprezada por ser lingua de pobres, lingua escrava, só neles hai verdade e máis honores”, ao tempo que tildou aos líderes do PP de ser eles os auténticos “señoritos”.

Aludíu o candidato tamén ás enquisas que se publican hoxe nos medios de comunicación e afirmou que “revelan algo que o BNG vai subir, eu vouvos dicir onde: en todas” e dixo que as enquisas “amosan algo máis importante: comprobar que é a xente que peor o está pasando, a que maioritariamente opta polo BNG. É moi significativo, e é normal porque demostra que cando dicimos que somos a forza do pobo galegos non o dicimos só nós, Asi nos identifica a xente, Saben que para sair deste momento só o BNG pode ofrecer solucións”.

Paro

Temos “máis de 200.000 razóns para estarmos preocupados e para seguir traballando con máis forza”, dixo, en referencia ás cifras do paro, e para iso apostou por “colocar as políticas para a xente antes que calquera outra cousa”.

Apuntou Quintana ao traballo pendente en alusión a unha persoa que se lle achegou á entrada do mitin para explicarlle que, despois de meses de espera, por fin tivo acceso ás axudas de dependencia e dixo que “a nós reclámannos porque convertimos a atención aos dependentes nun dereito e a xente fai ben en reclamar”.

Apelando ao labor pendente, Quintana apostou por crear un complemento autonómico para o desemprego “para que esteamos igualdade co resto do estado. Ésa é a política para a xente do BNG e a que queremos seguir facendo construíndo. O PP só quere destruír, o señor Feijóo primeiro dixo que quere pechas as galescolas, igual que aquel adestrador do Barça, Van Gaal, todo negativo, nada positivo!”

Asegurou que o PP só se sinte seguro “na súa campaña de difamación e mentira que ten eco en algúns medios de comunicación, asi fai política calquera. Por certo, que a mesa sigue sen aparecer. Alguén do PP a ten na casa!”, increpou coreado polo público.

“Se nós mercáramos unha mesa de 1.000 euros habería que ver o que dicían, pero disto non se di nada”, ironizou, “é como o dito, cando se emborracha un pobre, que borrachon, e cando se emborracha un rico, 'que gracioso está el señor'”.

Novo Estatuto

O cartel nacionalista afirmou que Galiza precisa na próxima lexislatura dúas cousas: “Un Novo Estatuto e un goberno disposto a aplicalo e o único disposto a aplicalo é o BNG. Temos que esixir tendo na man o noso estatuto. Unha caixa de ferramentas para construír benestar”

Por iso, Quintana pedíu o traballo de todos e todas para que haxa “unha marea de votos para o BNG”.

Aludíu tamén á data de mañá, 23 F, “data para lembrar os perigos para as liberdades e como enfrentalas, pero tamén porque houbo outro o de 2003, naquela data milleiros de galegos e galegas inundamos Madrid na maior manifestación de toda a historia deste país. Fomos reclamar respecto e dignidade, non fomos chorar a unha esquina”. En aquela ocasión, o BNG, como sempre ten feito “non se equivocou de bando, estivo coa xente, co pobo. Onde estivo o PP daquela? Na casa, escondido, protexendo un goberno inoperante e ineficaz, desexoso de afundir a Galiza na peor das miserias”.
“de dignidade, de orgullo de sermos galegos, de futuro, de transformación para o noso país votando masivamente ao BN”.

Entroido

O candidato do Morrazo, Bieito Lobeira, aludíu ás datas de entroido nas que estamos e dixo que “o que máis se estila é o disfraz de “galeguista”, frente a iso, con entroido aí está o BNG, “coa cabeza ben alta, coa conciencia ben tranquila, por tres anos e medio de responsabilidade. O BNG está para devolverlle a Galiza a esperanza que nos roubaron e que si hai alternativa á situación de crise que estamos a padecer”, dixo.

Lobeira lembrou que existen cuestións pendentes como “o feito de que haxa milleiros de veciños desta comarca, mariñeiros que non van poder votar. Non hai pasaportes exprés porque o goberno español recoñécelles máis dereitos aos mortos de Arxentina e Uruguai que aos veciños que axudaron a levantar este país”.

Tamén Teresa Táboas aludíu ás datas de entroido e comparou ao PP cunha “comparsa na que van disfrazados de corruptos e a canción é 'se va el Caimán, se va p'a la barranquilla'.

Pedíu a Feijóo que “lles explique aos traballadores as que é iso da flexibilidade laboral, é o despido libre. Cando baleire as arcas públicas recortando os impostos dos que mais gañan que diga con que vai pagar a sanidade, a educación”.

“Nós”, dixo Táboas, “podemos presentarnos sen careta, mirándolle aos ollos á xente” e puxo como exemplo da súa xestión a creación de 17 millóns de metros cadrados de solo empresarial en tres anos e medio, fronte aos 9,6 do PP. “Estamos coa xente, co emprego de calidade, apoiando aos nosos sectores produtivos”, dixo, “temos propostas e os demais non, porque non teñen programa de goberno . Nós si porque xestionamos a esperanza dos galegos e galegas”.