INNOVACIÓN E INDUSTRIA IMPULSA A DECLARACIÓN DE CEDEIRA E DE CATRO FESTAS EN OROSO, MUGARDOS, A GUARDA E BUEU COMO CONCELLO E FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO
-A Consellaría dirixida por Fernando Blanco valorou positivamente as solicitudes presentadas para o Concello de Cedeira e para as festas da Troita de Oroso, do Polbo de Mugardos, do Monte da Guarda e o Encontro Degustación do Millo Corvo de Bueu
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellaría dirixida por Fernando Blanco estimou favorablemente a solicitude de declaración como “municipio turístico” para o concello de Cedeira, así como, comprobados os requirimentos das declaracións, as solicitudes de declaración como “festa de Galiza de interese turístico” para catro festas nos concellos de Oroso, Mugardos, A Guarda e Bueu. Unha vez estimadas, Innovación e Industria remite agora as solicitudes ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva.
O Concello de Oroso solicitou a declaración da Festa da Troita como festa de interese turístico. A dita celebración vense celebrando dende o ano 1997 no mes de maio, co cal cumpre o requisito das dez edicións esixidas. Este arraigamento maniféstase nunha notable participación dos veciños/as e visitantes, uns 30.000 na última edición. Recibe o seu nome da abundancia da pesca que se atopa principalmente no río Tambre. Tamén se realizan actividades deportivas, como o concurso de pesca da troita, e actividades culturais, ademais das propiamente gastronómicas.
Revisada a solicitude de declaración de festa de Galiza de interese turístico da Festa do Polbo que formulou o Concello de Mugardos, comprobouse que se achegou toda a documentación esixida no artigo 25 do decreto 39/2001. A Festa do Polbo vense celebrando dende o ano 1990 no mes de xullo. No século XVIII Mugardos pode que fose o porto máis importante no norte de Galiza na pesca do polbo, produto que constitúe o prato típico da vila , co valor engadido da súa peculiar forma de preparación “polbo á mugardesa”. A Festa do Polbo ten a súa orixe nunha festa que os veciños de Mugardos celebraban ao final do verán e que popularmente se chamaba “A Xira ao Baño”, na década dos 80 esta festa pasa a ser organizada pola comisión de festas e xa en 1990 o Concello compromete a participación na festa nacendo así a I Festa do Polbo.
O Concello da Guarda foi quen solicitou a declaración de Festa do Monte como festa de Galiza de interese turístico. A Festa do Monte vense celebrando na Guarda dende o ano 1913 na segunda semana de agosto, co cal excede amplamente o requisito das dez edicións esixido polo decreto regulador. A festa xurdiu pola iniciativa dun grupo de guardeses (moitos emigrantes retornados), que constituíron unha sociedade destinada ao coidado dun monte tan singular como é o de Santa Trega. O seu arraigamento maniféstase nunha notable participación de veciños e visitantes galegos, do resto do Estado e de Portugal. Entre as actividades lúdico festivas pódense citar pasacalles, pregón, obradoiros e espectáculos para nenos, concertos, encontro de bandas mariñeiras, festival rock, gran desfile folclórico tradicional do Monte, romaría no Monte Santa Trega, etc.
Tamén se informou favorabelmente a solicitude da Asociación Cultural Meiro, responsábel da organización da Festa Degustación do Millo Corvo, e co informe de confirmación de apoio do Concello de Bueu para a súa declaración como festa de interese turístico. A festa supón un proceso de recuperación etnográfica, educativa, gastronómica, cultural e socioeconómica cunha singularidade manifesta, polas actividades desenvolvidas. A Festa do Millo Corvo non só se resume na degustación celebrada no mes de marzo, senón nunha actividade anual de sementeira, cava e renda, rega, corta e empalleirado, escollida e debullada, muiñada, amasado e cocido levada a cabo na aldea de Meiro e polos seus veciños.
Pola súa parte, a Consellaría valorou favorabelmente a declaración do concello de Cedeira como municipio turístico. O concello cumpre cos requisitos esixidos, como ter unha rede de sumidoiros e tratamento de augas residuais, seguridade, protección civil, puntos de información turística e medidas de protección dos espazos naturais. O concello conta con espazos naturais como a Serra da Capelada, zonas de costa e cantís; lugares que visitar como Santo André de Teixido, as mámoas de Cervo, a igrexa de Santa María do Mar ou o santuario de Santo Antonio Corveiro; festas como A Patrona, a Romaría de Santo Antonio, San Roman, o Curro da Capelada, a Festa do Percebe, a Semana do Mar ou o Samaín; e feiras e mercados. A proposta conta tamén co informe favorábel da Deputación Provincial da Coruña.