17 febrero 2009

La ayuda de Deputación permitirá recuperar el pabellón deportivo de O Rosal

LOUZÁN ASINA NO ROSAL O CONVENIO DE MELLORA DO PAVILLÓN MUNICIPAL, NO QUE A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ PRETO DE 100.000 EUROS

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acudiu esta mañá ó concello do Rosal, para asinar co alcalde local, Jesús Fernández Portela, un convenio de colaboración co Concello do Rosal que posibilitará a instalación dun sistema para a eliminación de humidades e condensacións no pavillón de deporte e a ampliación do mesmo para a creación dun ximnasio.

O pavillón, de máis de 20 anos de antigüidade, rexistra unha gran actividade deportiva. Utilízano, entre outros, 10 equipos de balonmán e fútbol sala, entre os que están a Sociedade Deportiva Atlético Novás.

Durante o inverno ten problemas de condensación que fan a pista impracticable, provocando aprazamentos ou que se disputen os partidos noutros lugares. Ata o de agora, non dispoñía de ximnasio, nin un lugar onde utilizar a maquinaria propia desta instalación.

O investimento necesario para acometer esta actuación ascenderá a 130.674 euros dos cales 56.989,11 euros serán destinados á instalación do sistema para eliminar as humidades e os 73.685 euros para a construción do ximnasio. O custe da actuación será financiado pola Deputación que achegará 98.005,65 euros e polo Concello de O Rosal que aportará os restantes 32.668,56 euros.

A administración provincial asumirá a licitación, dirección, execución e recepción das obras contempladas no proxecto técnico. Pola súa banda, o Concello deberá poñer a disposición os terreos necesarios para poder levar a cabo a actuación, así como de obter a correspondente licenza municipal e tramitar ante outros organismos as autorizacións que fosen precisas.

Por outra banda, Louzán e Portela repasaron varios asuntos de interese do concello rosaleiro como a rotonda de acceso ó municipio dende a vía de alta capacidade, aínda por construír, a continuación das beirarrúas ata a subida a Couselo e valoraron a posibilidade de construír un campo de herba sintética no Rosal que reunise unhas condicións óptimas non só para a práctica do fútbol, senón tamén para o atletismo.