A FAVEC apoia a utilización urxente e sen concesións da Gota de Leite como albergue público da cidade
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Esta entidade veciñal fai un chamamento a toda a cidadanía para que acudan ao acto organizado pola Rede Social Galicia Sur que convoca a facer unha cadea humana ao redor do edificio da Gota de Leite para esixir ás administracións públicas a creación inmediata dun albergue público na cidade de Vigo: o vindeiro mércores 18 de febreiro, ás 19 horas.
A FAVEC urxe a inmediata posta en funcionamento do albergue público e servizos sociais no Edificio da Gota de Leite, sen máis dilación e sen concesións. Esta cidade ten que estar á altura da gravidade da situación de moitas persoas que morren na rúa e dar unha resposta seria e urxente que permita que centos de persoas sen teito, enfermas e empobrecidas recuperen a súa dignidade.
" Non imos permitir que por máis tempo se xogue coas necesidades da cidadanía a base de parches como empregar a vella escola de hostelería como albergue. A vella construción do Berbés non está preparada para acoller os servizos que precisan as persoas máis empobrecidas como un comedor social, un servizo de emerxencias sociais que funcione as 24 horas…, servizos que si teñen cabida no edificio da Gota de Leite xa que dispón do espazo e a infraestrutura adecuados.
Agardamos que o goberno municipal recupere ao fin a sensatez e non poña máis trabas ao albergue, nin desvíe a atención da problemática das persoas sen teito mareando con novos emprazamentos. Por todo animamos a toda a cidadanía a acudir á concentración e expresar, deste xeito a súa solidariedade cos centos de persoas que non teñen un teito", afirman os portavoces do movemento veciñal.