27 febrero 2009

Histórico paso adelante de la Deputación en materia de nuevas tecnologías para concellos desfavorecidos

O plan para dotar de internet ós concellos menos favorecidos suporá un investimento por parte do organismo provincial de 6,7 millóns de euros
A DEPUTACIÓN COMEZA A IMPLANTAR A SÚA REDE DE WIMAX RURAL PARA A PROVINCIA DE PONTEVEDRA NOS CONCELLOS DE ARBO, AGOLADA, MEIS E PAZOS DE BORBÉN

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentou esta mañá, acompañado polo director provincial de Novas Tecnoloxías, Amancio Varela, o arranque da rede Wimax rural que o organismo provincial implantará nos 55 concellos que solicitaron a súa adhesión e no que investirá un orzamento inicial de 6,7 millóns de euros, e que “moi previsiblemente acabará acadando os 10 millóns na súa fase final”, aclarou Louzán.
Esta iniciativa, que servirá para paliar e eliminar a brecha dixital, nace co obxecto de garantir a implantación da rede inalámbrica naqueles concellos máis desfavorecidos da provincia e “responde á necesidade de dotalos dun servizo tan fundamental, na actualidade, como pode ser o saneamento, ou o abastecemento de augas e electricidade”, comentou o presidente.
Prazo dun mes
A implantación da rede Wimax de banda ancha na provincia arrancará oficialmente coa experiencia piloto que levarán a cabo distintos usuarios —aproximadamente 25 por municipio— dos concellos de Arbo, Agolada, Meis e Pazos de Borbén, “todos eles municipios sen conexión a internet, nin sequera nas propias casas consistoriais, por iso foron os elixidos para esta primeira fase de probas”.
“Os receptores serán dispostos en emprazamentos orográficos complexos, tamén en situacións puntuais moi estratéxicas, para que poidamos coñecer verdadeiramente o alcance da rede e as súas posibilidades, as súas prestacións e a calidade da rede”, explicaba Varela.
Esta rede de probas, que se levará a cabo nos catro concellos sinalados, comezará a estar operativa no prazo dun mes. O servizo experimental será totalmente gratuíto e, cando se implante de xeito definitivo, xa que a Lei prohibe a prestación deste servizo de xeito gratuíto, a Deputación acordará coas distintas operadoras o sistema que permita dotar, a cambio dun prezo simbólico por usuario, de conexións de 1 mega de velocidade a todos os concellos, “para que todos teñan acceso ás últimas tecnoloxías”, remarcou Louzán.
Características do servizo
Estes proxectos piloto teñen por obxecto determinar a mellor solución para o desenvolvemento da futura rede inalámbrica na provincia de Pontevedra, que permitirá dotar de acceso a Internet de Banda Ancha a núcleos ubicados nun entorno rural que actualmente non dispoñen de dito acceso.
Actualmente en España esta tecnoloxía unicamente se pode ofrecer na banda de frecuencias dos 3,5 GHz. por aqueles operadores que dispoñen de licenza para elo. Isto implica a necesidade de maiores infraestruturas de antenización.
Á espera de saber qué ocorrerá co reparto de frecuencias do espectro radioeléctrico en España, pendente de análise por parte do Ministerio de Industria, a Deputación decidiu comparar e probar os servizos e a calidade dos mesmos que ofrecen os distintos provedores que dispoñen de equipos certificados WIMAX nas bandas de 3,5 Ghz. e 2,5 GHz.
Dous lotes de servizo
O director de Novas Tecnoloxías explicou que “o Prego de Prescricións Técnicas divídese en 2 lotes, xa que o obxecto é probar e extraer conclusións acerca da calidade e funcionalidade dos servizos de Banda Ancha soportados por varios fabricantes e operadores nas dúas bandas de frecuencia sinaladas.
Así, o primeiro lote consistiría na realización de probas piloto da tecnoloxía Wimax na banda de 2,5 GHz nos concellos de Agolada e Arbo, e o segundo lote comprenderá as experiencias piloto de Wimax na banda de frecuencias de 3,5 GHz nos concellos de Meis, Pazos de Borbén e Arbo.