Alfonso Rueda recorda que o candidato socialista carece de unha política lingüistica propia, como tamén carece de propostas para os maiores, porque delegou esta responsabilidade nun BNG que secuestra dereitos coa complicidade do PSOE
"Que Touriño diga que quere gobernar sen ataduras despois de pasar catro anos tendido nos brazos do BNG é unha broma de mal gusto"
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, considera que o anuncio de Touriño de que aspira a gobernar sen ataduras debe ser entendido como unha broma de mal gusto na medida en que o candidato socialista acude ás Eleccións sendo refén do BNG en aspectos esenciais como a política lingüística ou a atención aos maiores.
Recorda Rueda Valenzuela que Touriño pasou os últimos catro anos “rendido, pero tamén comodamente tendido, nos brazos do BNG”, derrochando cartos de todos os galegos en coches, mobles e despachos de luxo, pero tamén consentindo atropelos democráticos como a imposición do idioma, a ideoloxización das garderías infantís, a asignación a dedo de centos de postos de traballo na Xunta a militantes e simpatizantes nacionalistas, a atención á terceira idade -á que o bipartito, co beneplácito de Touriño- secuestra os seus dereitos, ou a adxudicación irregular do concurso eólico.
Por iso, que a estas alturas o candidato socialista diga que quere recuperar a súa propia personalidade sona a argumento desesperado que xa ninguén cree.