27 febrero 2009

Reaparecen los incendiarios :
detenidos dos en Covelo

A POLICÍA AUTONÓMICA DETÉN A DÚAS PERSOAS NO COVELO COMO PRESUNTOS AUTORES DUN INCENDIO FORESTAL
 Segundo as investigacións, o lume debeuse á queima de restos dunha obra
 Os causantes non fixeron nada para apagar as lapas cando estas se propagaron ao monte próximo nin deron aviso ao servizo de emerxencias

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Funcionarios da Xefatura local de Vigo da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma informaron hoxe da detención de C.D.N.C. e F.J.C.V., homes de 59 e 37 anos de idade respectivamente, como presuntos autores dun incendio forestal ocorrido no lugar da Aldea de Riba, na parroquia de Fofe, no concello do Covelo (Pontevedra).

O lume que se lles imputa tivo lugar o pasado día 23. Tras facer pesquisas no lugar do incendio púidose saber que o lume se debera á queima de restos dunha obra na que traballaban os detidos. As lapas se propagaron rapidamente ao monte próximo sen que ningún deles fixera nada para apagalas nin por dar aviso ao servizo de emerxencias. Foi unha patrulla policial que estaba preto do lugar a que deu a alarma aos medios de extinción.

Debido ao lume arderon 1,5 hectáreas de monte raso e arborado. Por estes feitos instruíronse dilixencias que foron remitidas ao xulgado de instrución de garda de Ponteareas. Con estas detencións, a Policía Autonómica xa ten posto a disposición xudicial a cinco persoas no que vai de ano por delitos de incendio forestal.