O xoves iníciase na Casa da Cultura un ciclo de charlas que difunde a figura e a obra de Urbano Lugrís
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- Co obxectivo de difundir a figura e a obra de Urbano Lugrís a Concellería de Patrimonio Histórico e co Museo de Castrelos organizan o ciclo de conferencias “En torno a Urbano Lugrís”, que se desenvolverá os días 26 e 27 de febreiro no auditorio da Casa Galega da Cultura a partir das 20:00 horas. A concelleira Elena Maure salientou que se trata “dunha oportunidade única para afondar no coñecemento “dun dos máis xeniais creadores galegos de todos os tempos”.
As charlas inclúense no programa de actividades deseñado con motivo da celebración do centenario do nacemento do pintor en 1908, e do seu pasamento, acontecido o 23 de decembro de 1973. Estas conferencias complementan á exposición “Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fyngal” e ás rutas guiadas pola cidade “Tras os pasos de Urbano Lugrís”.
O profesor José M. López Vázquez, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, iniciará o xoves ás 20.00 horas o programa cunha charla sobre “No centenario de Urbano Lugrís: interpretación em clave simbolista da habitación do vello mariño”. López Vázquez analizará a obra de Lugrís “A habitación do vello mariño” dende un punto de vista simbolista. Na súa exposición tomará como punto de partida o escudo do traballo do pintor coruñés e como base fundamental o libro “A Lámpara Maravillosa” de Ramón María del Valle-Inclán.
Tamén o xoves intervirá Juan M. Monterroso Montero, decano da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, falando de “A autoridade da pintura. Ver, entender e decidir en torno a unha obra de Urbano Lugrís: A habitación do vello mariño” Neste caso fará unha aproximación á lectura da obra de arte tomando como fío condutor as relacións internas que se establecen entre todos os elementos que a constitúen, tanto internos -os diferentes obxectos, espazo, luz, etc. - como externos.
Xa o vernes o artista e escritor Antón Patiño Pérez, que dedicou diversos libros a Urbano Lugrís, desvelará diversos aspectos da figura o pintor. Patiño é autor de libros como "Urbano Lugrís. Viaxe ao corazón do océano" publicado recentemente pola Editorial Nigra Trea (2008). Anteriormente publicou libros sobre Lugrís en Editorial "A Nosa Terra" e en Ediciós do Castro. Participou tamén no comisariado de "Urbano Lugrís: viaxe arredor do meu mundo", a maior retrospectiva do pintor, que tivo lugar no Círculo de Belas Artes de Madrid e no Auditorio de Galicia em Santiago de Compostela, no ano 1997.