22 febrero 2009

Lo dicho : el departamento de Carmen Gallego exprime al máximo el limón institucional...

PESCA ULTIMA O ESTUDO DOS PROXECTOS PRESENTADOS POLOS GRUPOS DE ACCIÓN COSTEIRA DE CARA Á SÚA APROBACIÓN
-A revisión e aprobación dos proxectos presentados por cada agrupación é o paso previo para que estas entidades poidan comezar xa a traballar, contando cunha importante axuda económica da Administración galega
-Pesca remitiu un escrito á Fiscalía no que se denuncian irregularidades no acordo adoptado pola asemblea dunha das asociacións que conforman o Grupo de Acción Costeira da Zona 3

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está a traballar na revisión dos Plans Estratéxicos Zonais (PEZ) de cada un dos Grupos de Acción Costeira (GACs) que se constituíron no litoral galego. Deste xeito, estanse a ultimar os trámites para que estas agrupacións poidan comezar a traballar e a desenvolver os seus proxectos coa achega económica correspondente por parte do departamento de Pesca.

A día de hoxe están constituídos os grupos das sete zonas pesqueiras nas que se dividiron os concellos galegos do litoral e que son a Zona 1 Mariña lucense e Ortegal, Zona 2 Golfo Ártabro, Zona 3 Costa da Morte, Zona 4 Seo de Fisterra-Muros e Noia, Zona 5 Ría de Arousa, Zona 6 Ría de Pontevedra e Zona 7 Ría de Vigo-A Guarda. Estas agrupacións están formadas por entidades do sector pesqueiro, do social, do económico e do sector público, aínda que lle corresponde ao sector pesqueiro o 50 por cento do peso nos órganos de Goberno do grupo.Todos eles presentaron en prazo diante da Consellería o Plan Estratéxico Zonal no que se concretan as actuacións, actividades e medidas a desenvolver nos próximos anos.

O departamento que dirixe Carmen Gallego publicou o pasado 28 de xullo de 2008 no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para a selección de asociacións para outorgarlles o recoñecemento de entidade colaboradora da Consellería de Pesca baixo a denominación do Grupo de Acción Costeira (GAC), así como para fixar o contido mínimo do Plan Estratéxico Zonal (PEZ). Esta medida que pon en marcha a Administración galega enmárcase no Eixo prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca (FEP 2007-2013), referido ao “Desenvolvemento sostible das zonas de pesca”.

Trátase dunha iniciativa pioneira para a que Pesca disporá dun orzamento de 40 millóns de euros ata 2013. Ten por obxectivo principal estimular a creación de novas fontes de ingresos sostibles para incrementar de xeito apreciable a calidade de vida nas comunidades e zonas pesqueiras. Para este fin, resulta indispensable proporcionar as ferramentas necesarias a aqueles axentes económicos e sociais que mellor comprenden os problemas e retos das comunidades costeiras para tentar adoptar as solucións ás súas demandas reais.

Pesca remite documentación á Fiscalía
Por outra parte, Pesca trasladou á Fiscalía un escrito no que se denuncian irregularidades no acordo adoptado pola asemblea dunha das asociacións que conforman o Grupo de Acción Costeira da Zona 3 (Costa da Morte). Este escrito foi recibido pola Administración pesqueira galega e nel ponse en entredito a validez dos acordos adoptados pola devandita asociación.
Paralelamente, a Consellería está a revisar toda a documentación pertencente a este grupo por si se puidera constatar a existencia de situacións semellantes á denunciada no escrito citado e que puideran dar lugar tamén ao seu traslado ao Ministerio Fiscal