23 febrero 2009

Touriño muestra su contento por el cuarto ministro gallego

CUALIFICA DE “BOA NOTICIA PARA A XUSTIZA E BOA NOTICIA PARA GALICIA” O NOMEAMENTO DE FRANCISCO CAAMAÑO COMO MINISTRO DE XUSTIZA
-Emilio Pérez Touriño salienta a “intensa” relación de colaboración e amizade que mantén co ata agora secretario de Estado de Relacións coas Cortes
-Destaca que Caamaño é “un home cunha formación sólida, un home comprometido e un home de diálogo” e asegura que o seu nomeamento será “útil e positivo para a tarefa da Gobernación de España e da gobernación na xustiza”
-Expresa a súa satisfacción polo feito de que Galicia teña “unha presenza aínda maior no Goberno de España”

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cualificou hoxe de “boa noticia para xustiza e unha boa noticia para Galicia” o nomeamento do galego Francisco Caamaño como novo ministro de Xustiza. O titular da Xunta mostrouse seguro de que o ata agora secretario de Estado de Relacións coas Cortes será “un gran ministro e fará unha gran tarefa”.

En declaracións aos medios de comunicación, Pérez Touriño salientou que coñece a Francisco Caamaño desde hai moitos anos, e asegurou que mantén con el “unha relación de colaboración e de amizade intensa”. Trátase, subliñou, “dun home de profundo prestixio no mundo do dereito, un home cunha formación sólida, un home comprometido e un home de diálogo”. En consecuencia, o presidente da Xunta resaltou que o seu nomeamento “será útil e positivo para a tarefa da gobernación de España e para a tarefa da gobernación no campo da xustiza”.

Ao mesmo tempo, o xefe do Executivo autonómico expresou a súa satisfacción polo feito de que, co nomeamento de Caamaño, “temos unha presenza aínda maior no Goberno de España”, o que supón “o recoñecemento ás nosas capacidades”. “Gústame, que Galicia aporte, que Galicia conte e que Galicia sexa útil a España”, abondou.

Emilio Pérez Touriño asegurou estar convencido de que Francisco Caamaño “será un gran ministro e fará unha gran tarefa” á fronte do Ministerio de Xustiza, na medida en que representa “ese sentido común, esa bonhomía, esa capacidade de diálogo, esa profesionalidade e esa gran experiencia”. O presidente da Xunta engadiu que se trata dun “gran traballador, un home da terra, un home humilde, un home cercano, e me sinto moi orgulloso persoalmente de que asuma esa responsabilidade e de que o presidente do Goberno de España pensara nel para esa responsabilidade”.