"Chove sobre mollado, porque o marido de Sánchez Piñón recibiu, nesta lexislatura, máis de 600.000 euros en axudas públicas da Xunta"
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A conselleira de Educación da Xunta, Laura Sánchez Piñón, segue o exemplo de derroche do seu xefe e, neste caso, utiliza os recursos públicos, pagados cos impostos de todos os galegos, para asuntos particulares. O PPdeG ten constancia de que a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, adoita acudir á perruquería, en coche oficial e en horario de traballo.
Para o PP, "Por se non fose pouco cos 7 millóns de euros derrochados por Touriño no seu coche oficial, a redecoración dun despacho de luxo que apenas utiliza, as obras en salas de reunión para o Consello da Xunta con cadeiras de 2.300 euros unidade, a conduta de Sánchez Piñón acredita que a paixón polo luxo e o derroche sen control dos recursos públicos se converteu nunha conduta habitual para os conselleiros do Goberno bipartito".
ROSTRO DE METAL
Alfonso Rueda, secretario xeral do PPdeG, considera que hai que ter un “rostro de metal” para que un conselleiro non só dedique parte do tempo que supostamente debería pasar no despacho xestionando o sistema educativo público de Galicia a ir á perruquería, senón que, por riba, o faga no coche oficial, alardeando dese feito, nun momento no que centos de galegos van ao paro cada día.
A CONSELLEIRA QUE BENEFICIA AO SEU MARIDO
No caso da conselleira de Educación -lembra o PP-, ademais, chove sobre mollado, xa que, como recorda o PPdeG, o marido de Sánchez Piñón ten recibido, na actual lexislatura, máis de 600.000 euros de axudas públicas da Xunta para financiar proxectos de investigación nos que el participa directamente, nun caso de evidente trato de favor. De feito, desas axudas, 408.000 euros fóronlle outorgados pola súa propia esposa, mentres que a cifra restante procede doutos departamentos autonómicos.