O CORPO DE BOMBEIROS DO BAIXO MIÑO, CONDADO E LOURIÑA SALVOU A 66 PERSOAS NAS SÚAS CASE 300 INTERVENCIÓNS EN 2008
-Na súa maioría, as actuacións producíronse no concello de O Porriño debido á provocación de lumes e accidentes de tráfico
O PORRIÑO (MORRAZO-tribuna) .- Manuel Carrera, presidente do Corpo de Bombeiros do Baixo Miño, Condado e Louriña ven de presentar o informe coa relación de intervencións e servizos realizados por estes profesionais no período de xaneiro a decembro de 2008. Con sede no Polígono Industrial As Gándaras de O Porriño, o corpo rexistrou un total de 284 intervencións ao longo de todo o ano pasado, das cales a maioría, 118, foron debidas a lumes, 56 por mor de accidentes de tráfico, 30 resultaron falsas alarmas, 11 rescates e 69 clasificadas como outras. De todas elas deriváronse 82 víctimas, 64 homes e 18 mulleres, dos que morreron 16 e 66 resultaron ilesos.
Polo que respecta a concellos, no de O Porriño foron onde máis actuaron, cun total de 105 intervencións, seguido do de Mos con 49, 40 en Tui, 21 en Salvaterra, 19 en Salceda de Caselas, en Tomiño 17, 9 en O Rosal, 8 en Mondariz e unha en Mondariz Balneario, 5 en As Neves e 10 fóra do consorcio, en municipios doutras comarcas.
En canto á distribución horaria e días, 111 das intervencións foron levadas a cabo entre as 09.00 e as 17.00 horas, 104 entre as 17.00 e as 01.00 horas e entre as 01.00 e as 09.00 horas 69. Gran parte destas actuacións (194) foron realizadas en días laborais e 90 nas fins de semana e festivos. O tempo acumulado de garda contabilizouse en 8.784 horas, sendo 384,39 as horas de traballo efectivo.