OS PRODUTOS AMPARADOS POLA MARCA “pescadeRías” E O MEXILLÓN DE GALICIA GRANDES PROTAGONISTAS DO FÓRUM GASTRONÓMIC DE GIRONA´09
GIRONA (MORRAZO-tribuna) .- Os produtos amparados pola marca “pescadeRías, ¿de onde se non?”, posta en marcha pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para os produtos procedentes da pesca de baixura e o marisqueo, así como o Mexillón de Galicia, recoñecido pola Denominación de Orixe Protexida, foron os grandes protagonistas da segunda e a terceira xornadas do Fórum Gastronómic de Girona ´09 que deu comezo o pasado sábado e que rematará este mércores. Os cociñeiros galegos Pepe Solla e Xosé Cannas impartiron senllos talleres sobre os recursos do mar amparados por esta marca de calidade e tamén sobre o mexillón.
O director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, visitou hoxe a feira, os coexpositores que acoden coa Administración pesqueira galega e tomou parte no obradoiro celebrado esta mañá sobre os produtos amparados polo distintivo “pescadeRías”. Así mesmo, acompañou na súa visita polas instalacións da Consellería a Ferran Adriá, que eloxiou a calidade dos produtos do mar galegos.
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa na décima edición do Fórum Gastronómico de Girona ´09 cun stand de 180 metros cadrados onde busca achegar aos visitantes e profesionais os produtos pesqueiros e marisqueiros galegos. Ademais acoden ao Fórum xunto coa Administración pesqueira galega unha ampla representación dos produtores artesanais do mar da nosa comunidade, presentando produtos autóctonos e con grande personalidade que veñen de converter a Galicia e a súa produción nun territorio gastronómico de primeira categoría. Este é o caso das Navallas de Aldán, as Volandeiras de Cangas, o Polbo das Rías, os Percebes de Baiona, as Centolas do Grove, as Navallas de Campelo e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, que asisten xunto con Pesca a esta cita.
O Fòrum busca que os profesionais atopen nesta feira o punto de encontro ideal para compartir información sobre tendencias, novos conceptos ou tecnoloxías aplicadas ao sector, e no que os produtos e a gastronomía galega teñen un marcado protagonismo. Así mesmo, o fío central desta edición xira ao redor da sustentabilidade, eixo fundamental dos procesos de captura e recolección da nosa pesca artesanal.
Cabe lembrar que o vindeiro ano 2010, coincidindo co Ano Santo Xacobeo, o Fórum Gastronómico volverá a celebrarse en Santiago de Compostela, ao igual que na edición de 2008.
Talleres sobre “pescadeRías” e o Mexillón de Galicia programados por Pesca
No taller sobre os produtos amparados pola marca “pescadeRías”, celebrado esta mañá no stand de Pesca e que foi impartido polos cociñeiros Pepe Solla e Xosé Cannas, acudiron un importante número de cociñeiros e profesionais da hostalería que atenderon ás explicacións sobre os diferentes productos empregados, a súa forma de extracción e producción e as maneiras de cociñalos. Expuxéronse receitas tradicionais galegas como o polbo á feira, empanadas de mexillóns e volandeiras; tamén receitas tradicionais modernizadas por Solla e Cannas como salpicón de centola con migas e caldo ou croqueta cremosa de centola; e outras de creación propia dos cociñeiros como a navalla con pel de ibérico e piñóns afumados, navalla con pataca e lima, percebiños en roca de alga, percebiños con pó de porco paixón ou volandeira con mazá e arbequina. Ao finalizar a exhibición todos os asistentes degustaron os pratos preparados polos cociñeiros galegos.
Pola súa parte, na xornada de onte, a Consellería de Pesca programou un taller sobre o Mexillón de Galicia ao que acudiron máis dun cento de persoas que puideron coñecer as características deste recurso galego, así como os sistemas de produción, cultivo e comercialización do mesmo. Os “chefs” realizaron unha sesión na que explicaron as formas de preparar mexillóns máis coñecidas e tamén as máis innovadoras. Así, os participantes no obradoiro puideron degustar os mexillóns ao vapor, en escabeche sobre allo branco, tamén puideron probar o caldo de mexillóns ao estilo xaponés, croqueta “cream” de mexillón e caril, mexillón con té de alga wakame e mexillón Estrella de Galicia (con escuma de cervexa). A degustación foi acompañada de viños da Denominación de Orixe Valdeorras.