O PRESIDENTE DA XUNTA EXPRESA O APOIO DO GOBERNO GALEGO AO PROXECTO INDUSTRIAL CO QUE A PSA PEUGEOT-CITRÖEN CONCORRE AO PLAN ESTATAL DA AUTOMOCIÓN, E QUE PREVÉ O INVESTIMENTO DE 1.000 MILLÓNS DE EUROS ATA 2012 NA PLANTA DE VIGO
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta expresou hoxe o apoio do Goberno galego ao proxecto industrial co que a PSA Peugeot-Citröen concorre ao plan da automoción do Goberno de España, que prevé un investimento de 1.000 millóns de euros na factoría viguesa ata o ano 2012. Pérez Touriño coñeceu hoxe o contido dese proxecto nunha xuntanza co director xeral da planta, Pierre Ianni, na que tamén participaron os conselleiros de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e de Traballo, Ricardo Varela.
En declaracións aos medios de comunicación, Pérez Touriño enfatizou “o compromiso pleno e o apoio total da Xunta de Galicia co futuro do sector, coa garantía de competitividade da nosa planta industrial”. Nesa liña, manifestou que está “en contacto permanente co presidente do Goberno de España, e co ministro de Industria, Miguel Sebastián, para conseguir “o maior nivel de apoio e de implicación do Goberno de España na nosa industria, que para Galicia é fundamental”.
En relación co proxecto industrial deseñado pola PSA, o xefe do Goberno galego explicou que se trata dun “plan moi importante”, que significa “un investimento de 1.000 millóns de euros de aquí a 2012” e que se basea en tres eixes fundamentais: a aposta polo i+d como “matriz e núcleo do plan”, en segundo lugar, pola “introdución de tecnoloxías que camiñen na dirección do transporte limpo”, e, finalmente, “polo lanzamento de novos vehículos e de novas ofertas de produtos desde a planta de Vigo”.
Pérez Touriño insistiu en destacar a relevancia do proxecto, que afecta tanto aos “métodos produtivos”, como “a formación e recualificación dos traballadores”, e á “capacidade de deseño da propia estrutura industrial da planta”. “Debe ter o apoio do noso Goberno, terao, e espero teña un importante apoio desde o plan nacional”. O titular da Xunta salientou que os representantes de Citröen estarán mañá en Madrid para “presentar e explicar con todo luxo de detalles” o seu proxecto ao Ministerio de Industria.
O máximo mandatario autonómico reiterou “esa mensaxe clara, de apoio á renovación, á modernización, ao deseño das novas estratexias do sector da automoción de Galicia”, tanto desde o núcleo do sector, a planta de Citröen, como desde o sector auxiliar de equipamentos, que, segundo dixo, “tamén esta a presentar propostas de alto valor dentro do plan da automoción”. O presidente da Xunta remarcou que esta postura vai na liña “do que vimos traballando” desde o Goberno galego para apoiar o sector do automóbil e da aposta polo “traballo conxunto” no foro da automoción e na mesa de diálogo social do automóbil.