PESCA REUNIUSE CON REPRESENTANTES DO SECTOR DE ARTES MENORES NO MARCO DOS CONTACTOS QUE VÉN MANTENDO COS PROFESIONAIS DO MAR
▪ A Consellería de Pesca formulou a necesidade de continuar mantendo xuntanzas de traballo co sector co obxectivo de avaliar polo miúdo as súas preocupacións e inquedanzas
▪ A Administración pesqueira galega acordou coas federacións de confrarías valorar a posibilidade de establecer un plan de xestión conxunto para todas as embarcacións adscritas ao censo de artes menores
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, e o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, mantiveron onte e hoxe senllas reunións de traballo con representantes das federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores, así como con responsables doutras organizacións do sector, entre as que se atopan, Asoar-Armega, Cíes Artesanais, Mar do Morrazo, Arcopeba, Areal e Agamar.
O obxectivo destas xuntanzas, enmarcadas na política de compromiso e diálogo que leva a cabo a Consellería de Pesca, é avaliar a situación actual da explotación das pesquerías, que afectan ás embarcacións adscritas ao censo de artes menores, o estado dos recursos e a evolución dos prezos nos mercados. Con isto, búscase coñecer de preto o momento polo que atravesa o sector, de cara a avaliar a necesidade de artellar ou poñer en marcha medidas que poidan axudar a melloralo.
Na reunión que mantiveron esta mañá o director xeral de Estruturas e o de Recursos Mariños con representantes das organizacións de artes menores antes citadas, acordouse seguir mantendo encontros de traballo cos profesionais do mar para continuar analizando polo miúdo as problemáticas e preocupacións actuais do sector pesqueiro galego.
No transcurso desta xuntanza, na que a Consellería de Pesca presentou un informe pormenorizado sobre o estado da frota de artes menores, das súas capturas e das vendas en lonxa de determinados recursos, o sector explicou varias das cuestións que ao seu entender están a afectar aos traballadores do mar a día de hoxe.
Así mesmo, abordouse o asunto do desenvolvemento normativo da nova Lei de Pesca de Galicia, para o que a Administración está traballando arreo e se conta ademais coa colaboración e cooperación das entidades representativas do sector. Tamén se falou sobre outros asuntos que teñen que ver co Goberno central, como o relacionado cos coeficientes redutores e as enfermidades profesionais, así como co proceso de regularización de buques pesqueiros.
Reunión de onte coas federacións galega e provinciais de confrarías
No encontro que mantiveron os representantes de Pesca coas federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores na xornada de onte, acordouse valorarar a posibilidade de establecer un plan de xestión conxunto para todas as embarcacións que están adscritas ao censo de artes menores.
Nesta reunión, entre outras cousas, afondaron sobre o Plan de Recuperación do Polbo, posto en marcha pola Consellería no ano 2006 co consenso do propio sector e que está a dar moi bos resultados, e que ten programada unha veda para esta especie os próximos meses de maio e xuño. Neste plan participa unha parte importante da frota galega de artes menores.