LOUZÁN SUPERVISA XUNTO CON MÁIS DE 100 MOTEIROS AS BARREIRAS DE SEGURIDADE INSTALADAS NA SUBIDA Ó MOSTEIRO DA ARMENTEIRA
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, supervisou hoxe as barreiras de seguridade instaladas pola administración provincial na subida ó mosteiro da Armenteira. O titular da administración provincial estivo acompañado por técnicos da Deputación e por un colectivo de máis de 100 moteiros de Pontevedra e do Barbanza cos que intercambiou impresións sobre este novo sistema que a Deputación está colocando en diversas vías de titularidade provincial.
A Deputación Provincial de Pontevedra está a investir un millón de euros na instalación, na rede provincial de estradas, de 11.750 metros liñais de sistemas de contención para protección de motoristas. “Ou, o que é o mesmo, o 7% da cantidade total das inversións do organismo provincial en estradas, 14 millóns de euros”, informou o presidente.
Ademais, compre destacar que os puntos de colocación concretos son acordados coa Asociación de Moteiros de Galicia e cos técnicos da institución. Así, actualmente están colocadas proteccións para motoristas nas estradas: Carracedo-Catoira; na EP 7001 de A Estrada-Forcarei; na EP 7101 Cerdedo-A Portela; na EP 7201 Cachafeiro-Silleda; na EP Folgoso-Forcarei, na EP Barrantes-Armenteira; e na EP A Cañiza-Crecente. Nos vindeiros días instalaranse barreiras nas estradas EP5003 Cañiza-Arbo e na EP 0019 Figueirido-Marín.
“Estes sistemas estamos a instalalos polo ancho e longo da provincia”, afirmou Louzán quen recordou que recentemente foi adxudicada unha partida de 600.000 euros para a zona norte (por un importe de 215.000 euros), para a zona sur (215.000 euros) e para a zona centro (170.000 euros).
Na opinión do presidente da Deputación “as administración debemos implicarnos nun obxectivo común como é o de mellorar a seguridade das vías de comunicación e, especialmente, a seguridade dos condutores máis desprotexidos como son os motoristas”.