17 febrero 2009

Iniciativa del BNG obliga
a reflexionar al Gobierno central

A INICIATIVA DO BNG, O CONGRESO INSTA AO GOBERNO A IMPLANTAR UN GASÓLEO PROFESIONAL AGRARIO
-A Comisión de Economía debatía esta mañá unha proposición de Davila con medidas de índole fiscal para axudar ao sector agro-gandeiro a facer fronte á crise, unha iniciativa aprobada por unanimidade

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-A Comisión de Economía aprobou esta mañá, e a iniciativa da deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, instar ao Goberno a implantar un gasóleo especial agrario, cuestión a abordar na Mesa de Fiscalidade Agraria.

A Comisión mencionada debatía esta mañá unha proposición non de lei de Olaia Fernández Davila con medidas de índole fiscal, entre elas a do gasóleo profesional agrario, destinadas a axudar ao sector agro-gandeiro.
En aras a acadar o acordo unánime, Davila aceitou transaccionar un texto final co grupo socialista xa que mantiña as principais demandas do BNG.
Todos os grupos respaldaron a proposición nacionalista.

Aplicar de imediato as medidas fiscais acordadas a finais de 2008

Así, se pede ao Goberno que canto antes aplique as medidas de rebaixas fiscais acordadas no pasado mes de setembro coas organizacións agrarias profesionais.

Entre elas, a reducción do 35% nas compras de gasóleo, a reducción do 15% das compras de fertilizantes e plásticos, a reducción do 2% do rendemento neto de módulos, a reduccíon dos índices de rendemento neto aplicábeis aos sectores: remolacha azucareira, froitos secos, prutos hortícolas, uvas para viño, tabaco, porco, bovino de carne e leite e apicultura.
Outras das medidas que o BNG quer que se poñan en marcha de imediato é o relativo ao imposto da renda: a elevación do 5 ao 10% a porcentaxe en concepto de provisións e gastos de difícil xustificación. No que atinxe ao imposto especial de hidrocarburos, prorrogar o sistema de devolución das cotas do imposto sobre hidrocarburos.

Un último punto incluido, é o de “avanzar na reducción do tipo de gravamen aplicábel en relación á IVA, para telo en conta nalgún dos proxectos de lei en curso”.

O BNG quer que se apoie ao sector agro-gandeiro “básico para Galiza”

A deputada do BNG explicou aos membros da Comisión a necesidade de que o Goberno adopte unha serie de medidas fiscais para que o sector poida afrontar a crise”. De feito, Davila puxo de manifesto que as propostas que “hoxe trae aquí o BNG foron plantexadas polo sector ao Goberno debido ao incremento dos prezos dos combustíbeis, aínda que agora variou un pouco a situación, debido aos recurtes da UE en política agraria, ou debido á desmesurada baixada dos prezos en orixe”.

A todo isto, puntualizou Davila, hai que sumar o aumento dos custes de producción xa que os piensos se encareceron nun 76%, así como os abonos, cun aumento dun 156% e o pago á Seguridade Social, que tamén tivo un incremento importante. Subliñou que esta situación levou nos últimos anos ao peche dun grande número de explotacións.

A deputada argumentou que “as perdas se acumulan e os gastos se incrementan o que fai preciso un apoio decidido a este sector, básico en economías como a galega”. Por iso, a adopción de medidas de índole fiscal como as que propomos serían moi ben recibidas.

As medidas de reduccións fiscais que propón o BNG para o agro

Nesa liña, Davila defendeu a implantación dun gasóleo profesional mediante a exención do imposto especial de hidrocarburos. No que atinxe ao IVA, trasladou a necesidade de aumentar nun punto a compensación da IVA para as explotacións agrarias e de dous puntos para as explotacións gandeiras.
Tamén, puxo enriba da mesa a proposta dunha deducción no rendemento neto previo do 45% dos gastos de compra do gasóleo, unha deducción no rendemento neto previo do 25% dos gastos en fertilizantes e plásticos, e unha reducción do 2% do rendemento neto.

Asemade, outra das medidas que propuxo o BNG foi a necesidade de proceder a unha reducción dos módulos. Xustificou que “o sistema de estimación de signos, índices e módulos, non foi modificado desde a súa creación no ano 1992. Por iso, sería importante que o Goberno realizase unha análise en profundidade deste sistema a fin de adaptalo ás circunstancias actuais”. Lembrou que o 95% dos agricultores tributan por este sistema.