21 febrero 2009

Carmen Gallego echa el resto
a una semana de las elecciones

A CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS DESEMBARCA NO FÒRUM GASTRONÓMIC GIRONA’09
-Confrarías e produtos do mar de Galicia estarán presentes, da man da Administración pesqueira galega, no que está considerado como maior evento gastronómico con feira do mundo, e que o vindeiro ano se celebrará de novo en Santiago de Compostela


GIRONA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos volve a ter unha importante presenza nun dos eventos gastronómicos máis importantes do mundo, o Fórum Gastronómic, que deu comezo hoxe na localidade catalana de Girona e que finalizará o mércores, día 25 de febreiro. O Fòrum, que celebra este ano a súa décima edición e que o ano pasado tivo lugar en Santiago de Compostela coas Cociña do Atlántico, busca que os profesionais atopen nesta feira o punto de encontro ideal paran compartir información sobre tendencias, novos conceptos ou tecnoloxías aplicadas ao sector, e no que os produtos e a gastronomía galega teñen un marcado protagonismo. Así mesmo, o fío central desta edición xira ao redor da sustentabilidade, eixo fundamental dos procesos de captura e recolección da nosa pesca artesanal.
Ademais do stand institucional da Administración pesqueira galega, que conta con 180 metros cadrados, acoden ao Fórum unha ampla representación dos produtores artesanais do mar galego, presentando produtos autóctonos e con grande personalidade que veñen de converter a Galicia e a súa produción nun territorio gastronómico de primeira categoría. Este é o caso das Navallas de Aldán, as Volandeiras de Cangas, o Polbo das Rías, os Percebes de Baiona, as Centolas do Grove, as Navallas de Campelo e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, que acoden xunto con Pesca a esta cita.
Ao longo dos cinco días de certame, a Consellería achegará aos visitantes e profesionais que acoden a esta cita gastronómica a súa marca de calidade “pescadeRías ¿de onde se non?”, posta en marcha para promover e impulsar os produtos da pesca de baixura e o marisqueo da nosa comunidade autónoma. Os criterios que caracterizan aos recursos amparados baixo o distintivo “pescadeRías” son a orixe galega da pesca artesanal, a garantía dun tempo de desembarco dende a captura non superior ás 24 horas e uns estándares de calidade do produto garantidos. Outro dos obxectivos desta iniciativa consiste na diferenciación do produto galego de alta calidade do foráneo, permitindo aos consumidores estar ben informados sobre o que levan á casa, axudando a evitar o fraude aos compradores, ao tempo que axudando aos profesionais do mar a incrementar as súas rendas.
O departamento que dirixe Carmen Gallego aproveitará tamén a súa estancia no Fórum Gastronómic de Girona para dar a coñecer a Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia”, o primeiro produto do mar de Europa que acada este recoñecemento.
Actividades de achegamento aos produtos artesanais do mar de Galicia

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos volve apostar polo Fórum Gastronómic como vehículo de comunicación e promoción dos produtos do mar de Galicia, tanto entre os profesionais do sector coma entre o público final que asistirá ás distintas e diversas actividades programadas.
No stand institucional deseñouse un espazo no que se desenvolverán degustacións guiadas de recursos pesqueiros procedentes de Galicia, maridados con viños das cinco denominacións de orixe galegas. Este espazo, que será compartido coa Consellería do Medio Rural, converterase nun perfecto escaparate das excelencias da gastronomía e da industria vitivinícola galega durante os cinco días de feira.
O programa de actividades programado para esta edición inclúe varios talleres dedicados aos produtos e tamén aos profesionais galegos. Un dos puntos de atención estará no taller sobre o Mexillón de Galicia, como perfecto exemplo de produto sustentable, que será impartido polos “chefs” Pepe Solla e Xosé Canas, pertencentes aos restaurantes Casa Solla e Pepe Vieira Camiño da Serpe, ambos os dous situados nas Rías Baixas e posuidores dunha estrela Michelin. No taller farase, ademais, unha exposición sobre os pormenores do traballo que realizan os profesionais que cultivan os mexillóns nas costas galegas.
Estes mesmos cociñeiros levarán a cabo un taller degustación con produtos artesanais do mar de Galicia, co que trasladarán todo o sabor do mar de Galicia ata Girona, capital mundial da gastronomía durante estes días. Así mesmo, esta cita daralle o punto de saída ao Fórum Gastronómico 2010 que volverá a Santiago de Compostela, coincidindo co Ano Santo Xacobeo.