Convocado pola Cátedra Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal creada pola Universidade e Caixanova
-A doutora Elvira Pacheco recibe o 1º premio de investigación Eurorrexión 2008 por un traballo sobre o capital humano como factor de converxencia
-Unha ducia de traballos concorreron á convocatoria
VIGO/PONTEVEDRA (MARIA DEL CARMEN ECHEVARRIA / Diario da Universidade de Vigo) .- “Moi recoñecida por un traballo que non foi doado”, asegura sentirse Elvira Pacheco Vieira, doutora en Económía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora na Universidade do Minho, que co seu traballo Capital humano como factor de converxencia: análise econométrica da Eurrexión Galicia-Norte de Portugal, logrou o primeiro premio de investigación Eurorrexión 2008. Creada a iniciativa da Universidade de Vigo e Caixanova, a Cátedra Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, convocou o premio de investigación Eurorrexión 2008, co obxectivo, segundo lembrou o director da Cátedra, Xosé Manuel García, no acto de entrega do galardón “de contribuír a fomentar a investigación sobre a problemática e as potencialidades eurorrexionais”.
O territorio constituído por Galicia e o Norte de Portugal ocupa unha superficie total de 51.000 quilómetros cadrados, habitados por unha poboación de máis de 6 millóns de persoas. Unha área sobre a que Elvira Pacheco realiza no seu traballo unha análise comparativa entre ambas rexións, a nivel das principais variables macroeconómicas, identificando as principais similitudes e asimetrías rexionais. A investigación céntrase a continuación no estudo do efecto do capital humano, medido en termos de nivel educativo da poboación activa empregada, sobre o proceso de crecemento económico de cada rexión, co obxectivo de determinar ata que punto as rexións consideradas teñen diminuído as súas diferenzas nos respectivos estados de desenvolvemento, converxendo cara un mesmo estado de equilibrio a medio e longo prazo, ou se polo contrario as asimetrías rexionais acentuáronse desde 1995.
“É unha área moi difícil de traballar”, asegura Pacheco. “Este traballo forma parte da miña liña de investigación xa que traballei a parte de desenvolvemento rexional, de converxencia económica e a parte principal que xa viña da miña tese de doutoramento que é capital humano. Tentei de unir todas as partes para percibir o que pasaba, cal é a influencia do capital humano en todo este proceso de desenvolvemento e de converxencia de esta dúas áreas que son Galicia e o Norte de Portugal”, explica a investigadora que percibirá polo seu traballo 6000 euros, ao tempo que será publicado.
Necesarios vencellos entre Galicia e o Norte de Portugal
Na necesidade de que os resultados das investigacións sexan difundidos, “porque o sector da economía real cada vez necesita máis da Universidade”, incidiu o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, na súa intervención con motivo da entrega do galardón. Gayoso que lembrou o grao de implantación da entidade que preside en Portugal asegurou que “entendemos o mercado portugués como unha gran oportunidade, incluso na situación actual de crise económica”. O presidente de Caixanova que lembrou o interese da entidade “en todo o que teña que ver e desde todos os aspectos, do que pase en Galicia e o Norte de Portugal”, gabou a creación da Cátedra que cualificou de “idea extraordinaria moi ben desempeñada”.
Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, que amosouse “encantado” de promover as actividades da cátedra da Eurorrexión, xustificou o respaldo a esta iniciativa porque “sos non somos ninguén e só comezamos a ser algo na Eurorrexión como conxunto. Por iso que todo o que fagamos para buscar potencia en termos eurorrexionais, para esta Universidade será sempre benvido, será sempre un asunto estratéxico, prioritario”.
Traballos de alta calidade
Un total de 12 traballos, nos que participaron un total de 43 investigadores, concorreron a este 1º premio de investigación da Eurorrexión 2008. O xurado presidido polo reitor da Universidade de Vigo e o presidente de Caixanova e do que forman parte o ex presidente da Xunta, Fernando Gónzalez Laxe; o director da Unidade de Cooperación Estratéxica da Comissaao e Desenvolvemento Regional do Norte, Nuno Almeida; a coordinadora do Comité de Internacionalización da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, Pilar Tuimil e os profesores das universidades de Vigo e Trás os Montes Alto Douro, Xavier Martínez Cobas e Luís Ramos, destacou a alta calidade dos traballos recibidos sobre cuestións como educación, arte, paisaxe, turismo termal ou desenvolvemento rural. Pola súa banda o premio de ensino secundario Eurorrexión 2008 foi declarado deserto polo xurado.
O premio enmárcase no conxunto de actuacións que a Cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal desenvolveu ao longo do pasado ano, entre as que salientan o Máster en políticas comunitarias e cooperación territorial, organizado en co-tutela ca Universidade do Minho e a creación do Centro de Documentación da Eurorrexión, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo.