27 febrero 2009

Deputación echa una mano para un gran aparcamiento y una remodelación urbana en Sanxenxo

O proxecto prevé un investimento de 6.687.000 euros
LOUZÁN E GONZÁLEZ RUBRICAN UN ACORDO PARA CONSTRUÍR UN APARCADOIRO CON 600 PRAZAS EN SANXENXO E HUMANIZAR A AVENIDA LOUIS ROCAFORT

SANXENXO (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, asinaron hoxe un convenio de colaboración que terá por obxecto a construción dun aparcadoiro na avenida de Louis Rocafort e a humanización e urbanización desta zona que da acceso á praia de Silgar.
O orzamento necesario para acometer estas actuacións ascenderá a 6.687.000 euros. Non obstante, o financiamento da obra correrá a cargo da empresa que resulte concesionaria do aparcadoiro subterráneo, informaron ambos dirixentes.
180 prazas para residentes
Segundo as explicacións do enxeñeiro xefe do departamento de Vías e Obras da Deputación, Agustín Hernández “o aparcadoiro disporá de 600 prazas das cales 420 serán de rotación e 180 (o 30%) para os residentes”. A tarifa para aparcar será máis barata en inverno que en verán e o prezo de venda rondará os 20.000 euros.
Agustín Hernández comentou que dos 6.687.000 euros que se investirán nesta obra 765.000 euros irán dirixidos ó proxecto de humanización da estrada Louis Rocafort nunha lonxitude de 600 metros.

Paseos axardinados

O proxecto de urbanización comprenderá paseos axardinados de 7,50 metros, zona de circulación de 9 metros de ancho; iluminación, mobiliario urbano, e servizos de saneamento, telefonía e auga, etc. “En todo caso a actuación incluirá a urbanización do vial na súa integridade e nos 24 metros de ancho que marca o Plan de ordenación”, especificou Hernández.

Nestes momentos, a institución provincial xa ten redactado o estudo de viabilidade económico-financeira e o prego de prescricións técnicas. A intención da Deputación será licitar as obras antes do verán para que dean comezo no outono e poidan estar rematadas para a tempada estival de 2010.
A entidade provincial asumirá a adxudicación da obra. A administración dirixida por Catalina González pola súa banda, tramitará a correspondente licenza municipal ou permisos necesarios para acometer os traballos. Así mesmo, o Concello deberá poñer a disposición da Deputación os terreos necesarios para acometer os traballos.
En verbas de Catalina González a actuación é “unha infraestrutura fundamental” para o municipio xa que este vial constitúe o acceso natural do concello.
O pulmón comercial de Sanxenxo
Así, a intención da alcaldesa será converter esta rúa que actualmente ten un tratamento dunha estrada convencional “no pulmón de Sanxenxo no eido comercial” pero tamén como espazo de disfrute para propios e visitantes.
González entende, ademais, “que é fundamental que as persoas que se acheguen ata Sanxenxo poidan aparcar nada máis chegar a este punto” sobre todo na época estival na que a poboación se multiplica.