O tenente de alcalde de Vigo demanda ao PP que se desculpe " pola ameazas ao BNG que fixo na Xerencia"
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, criticou hoxe duramente á actitude mantida polos representantes do Partido Popular na Xerencia Municipal de Urbanismo. O nacionalista anunciou que “non imos a tolerar ningún tipo de ameazas. Se teñen algo que dicir de María Méndez, de Santi Domínguez, ou de calquera membro do BNG que vaian aos tribunais”.
O tenente de alcalde dixo que “o PP quixo enmerdar” o debate tentando polemizar novamente sobre o convenio dos terreos da ETEA, do que hoxe se daba conta na Xerencia. O nacionalista asegurou que non se pode facer da corporación “un circo” e considera que estas situación son froito do “nerviosismo que algúns teñen”. Lamentou que eso xere “o espectáculo bochornoso” que hoxe se ten dado na Xerencia de Urbanismo. O nacionalista fixo un chamamento á cordura e pediu que “non afeemos máis aínda o labor político, porque o que estamos conseguindo é que a cidadanía deixe de crer na clase política”.
Posición sobre a ETEA
Santi Domínguez reiterou cal é a posición do BNG a respecto do convenio da ETEA. Sinalou que mantén hoxe a mesma postura que tivo no pleno da Zona Franca. Nalquel momento os nacionalistas abstivéronse porque non aceptan que as instalacións deportivas se cedan á cidade no seu estado actual, como recolle o covenio aprobado en Zona Franca e asinado entre Xunta, Concello e o Consorcio. “O BNG non apoiará ese convenio ata que non quede claro que as instalacións deportivas se devolverán á cidade en perfecto estado para o seu uso. A este respecto Santi Domínguez, manifestou que agarda que no comité executivo de Zona Franca que se celebrará o vindeiro 5 de marzo se consiga ese compromiso da delegada. O tenente de alcalde fixo, neste senso, un chamamento ao PP. “Nese comité é onde o Partido Popular ten que facer forza, como faremos nós, para que esas instalacións se devolvan á cidade no seu perfecto estado”.