19 febrero 2009

Táboas promete en A Guarda
otro futuro en materia de Vivienda

TÁBOAS: “O PLANO SECTORIAL DE VIVENDA SIGNIFICARÁ UN ANTES E UN DESPOIS PARA A GUARDA”
-A candidata do BNG asegurou que se esta forza política se fai responsábel da Consellaría de Pesca, “faremos realidade a construción do dique Sur do Porto”

A GUARDA (MORRAZO-tribuna) .- A número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra, Teresa Táboas, asegurou esta noite nun mitin na Guarda que o Plan Sectorial de Vivenda protexida suporá “un antes e un despois” neste concello do Baixo Miño. Sinalou que este Plano Sectorial incluirá 270 vivendas a prezo taxado, máis de 28.000 metros cadrados de zonas verdes e 12.500 metros para dotacións de igualdade e benestar.

“O BNG xa fixo importantes investimentos na Guarda, como o Plano Director do Monte Santa Trega e o centro de interpretación do castelo de Santa Cruz, através da Consellaría de Cultura, con investimentos de máis de 600.000 euros”, asegurou.

“E se o BNG se fai cargo da Consellaría de Pesca, faremos realidade un soño dos guardeses, a construción do dique sur do Porto da Guarda”, asegurou.

Unhas eleccións para escoller o presidente de Galiza

“Nestas eleccións imos escoller o Parlamento e o novo presidente de Galiza, non o de outro lugar”, asegurou a candidata número 1 do BNG. A nacionalista sinalou a actualidade do Sempre en Galiza, citando unha frase do libro de Castelao: “Agora é cando deberiamos combatir con argumentos incontrovertíbeis a subordinación de Galiza a partidos centralizados en Madrid”.

Na mesma liña argumental, Táboas lembrou que o PP ten 11 deputados en Madrid e 10 o PSOE, “dos que non sabemos nada”. “En cambio, a xente sabe quen son Olaia e Jorquera”, dixo.


“Ao PP gústanlle os filmes de espías”

“Ao PP gústalle a ficción, as películas de espías e as de negocios suxos, o que non fan é non traballar, pero iso é porque non teñen propostas en positivo”, afirmou Táboas, quen dixo que “non montan un circo porque senón médranlle os ananos”.

“Catro anos máis”

“Precisamos catro anos máis para estender as políticas nacionalistas a áreas como infraestruturas, sanidade, educación e medio ambiente”, dixo. Nesa liña, desenvolveu as propostas do BNG: un ente ferroviario galego que xestione as liñas de cercanías ou un Instituto de Crédito Galego. Así mesmo, propuxo a reforma da Lei de Caixas, “para que as caixas galegas apoien os sectores produtivos do noso país, que é para o que foron creadas”, insistiu.

“O BNG si fai propostas, os demais non; propostas feitas desde a necesidade de gobernarnos por nós mesmos”, segundo Táboas. A candidata chamou aos asistentes a apostar polo autogoberno, “porque ten que rematar esa imaxe de ir coa pucha a Madrid a ver canto nos dan”

O mellor programa e o mellor candidato

“Pídovos o voto para unha forza política que non xestiona o medo como o PP, senón a esperanza. Temos o mellor programa e temos o mellor candidato, Anxo Quintana. Entre todos temos que encher, non os sacos nin as saquetas, senón as urnas, con votos ao BNG este un de Marzo”, concluíu.

No acto interviron tamén Xosé Manuel Méndez, candidato número 10, e Xan Lois Lomba, portavoz municipal.