A Deputación de Pontevedra lidera este proxecto provincial de integración laboral que suporá un investimento de 2.500.000 euros
LOUZÁN ASINA CON 17 ENTIDADES DA PROVINCIA O PACTO LOCAL POLO EMPREGO, QUE FORMARÁ A 500 PERSOAS
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinou hoxe o convenio para o Pacto Local de Emprego Provincial (PLEP) con 17 representantes de distintas entidades da provincia, unha iniciativa activa de creación de emprego que vaise desenvolver dentro do proxecto Aquelando 2, enmarcado nas axudas do Fondo Social Europeo para o período 2007-13.
Este proxecto conta cun orzamento propio de 2.500.000 euros (dos cales o 80% será achegado polo FSE e o 20% restante pola Deputación) para coordinar as políticas activas de emprego “no eido de atención a persoas” a nivel provincial mediante un proceso de planificación e concertación con axentes económicos e sociais, adaptando as medidas a cada un dos territorios comarcais nos que se divide a provincia nos próximos tres anos.
Integrantes
Formarán parte desta iniciativa, liderada pola Deputación de Pontevedra, as Mancomunidades do Val Miñor, Salnés, Baixo Miño, Ulla-Umia, Terras de Deza e PRODER-II, en representación da administración pública; a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Asociación Provincial de Empresarias (APE) e a Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra (AJE), representando ó sector empresarial; Cáritas Diocesana Tui–Vigo, Confederación Galega de persoas con Discapacidade (COGAMI), Cruz Vermella Española, e as Obras Sociais de Caixanova e Caixa Galicia representando ós axentes sociais; e a Federación de Servizos do Sindicato UGT, como representante sindical.
En verbas do presidente, “este convenio de colaboración supón un vínculo de implicación entre a Deputación e os demais axentes que fomentan o desenvolvemento local para fortalecer o emprego, fomentar a plena ocupación, identificar posibles liñas de negocio, promover o auto-emprego e facilitar a inserción laboral de colectivos en risco de exclusión social a partires da posta en marcha de programas, proxectos e accións a nivel local, comarcal e provincial”.
Obxecto
O traballo que se realizará ó abeiro do PLEP consistirá en sensibilizar ós sectores socio-económicos sobre o novo xacemento de emprego que é o eido da “atención a persoas”, establecendo redes de cooperación entre entidades de toda a provincia, que asegure a participación do maior número de interlocutores institucionais, económicos e sociais posibles.
As diferentes entidades traballarán conxuntamente na elaboración dun Estudo de Prospección de Necesidades dos recursos públicos e privados e servizos sociais especializados existentes na provincia no eido de atención a persoas co que se poderá coñecer qué recursos e servizos existen e se prestan en cada concello.
Participarán en Mesas de traballo multidisciplinares nas que estarán representados técnicos e beneficiarios dos servizos de atención a persoas nas que se debaterán as liñas de actuación máis axeitadas para dinamizar o sector de atención a persoas.
Finalmente, redactarase conxuntamente un documento no que se recollerán as os resultados do estudo e as conclusións acadadas polos representantes de tódalas entidades colaboradoras que será, en adiante, a folla de ruta para as políticas que se establezan no eido de atención a persoas.
O PLEP no eido de atención a persoas desenvolverase ó mesmo tempo que as oportunidades de formación e inserción laboral que dende a Deputación de Pontevedra se están a ofrecer ós demandantes de emprego de todos os concellos da provincia grazas ó proxecto Aquelando 2, que desenvolverá, en total, 21 edicións de cursos ó longo de tres anos e coas que se prevé inserir laboralmente a 500 persoas.
Os cursos que se impartirán serán os de auxiliar de axuda a domicilio (A Cañiza e Sanxenxo), coidador de persoas con discapacidade física ou psíquica (Silleda e Valga), auxiliar de coidado infantil (Tui), auxiliar de tarefas domésticas en centros sociosanitarios e fogares (Soutomaior), axente de mediación intercultural (Poio), e auxiliar de enfermería en xeriatría.