Reuníronse co candidado popular Pedro Puy, ao que entregaron un documento de análise sobre a situación á que se enfrontan
-Representantes dos vendedores ambulantes de Galicia trasladan ao PPdeG a súa preocupación pola competencia desleal
-O PPdeG comprométese a consultarlles calquera refoma legal que poda acometer na próxima lexislatura e a evitar intentos de imposición como o que pretendeu o bipartito co anteproxecto de lei de comercio
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O candidato do PPdeG ao Parlamento de Galicia pola provincia da Coruña, Pedro Puy, reuniuse con representantes de tres organizacións de vendedores ambulantes que operan en Galicia para interesarse sobre as súas principais preocupacións, que na actualidade se centran no descenso das vendas como consecuencia da crise económica, pero tamén pola competencia desleal provocada por persoas que nin pagan impostos nin están ao día nas cotizacións sociais.
Outro asunto que preocupa aos vendeores ambulantes son as taxas municipais que deben aboar polos seus postos, así como as consecuencias de calquera modificación lexislativa de ámbito autonómico que se poda aprobar e afecte a esta rama de actividade. Puxeron como exemplo o anteproxecto de lei de comercio que pretendeu sacar adiante o bipartito na lexislatura que agora remata para impoñer aspectos como a rotulación en galego.
Neste sentido, Pedro Puy confirmou aos seus interlocutores que o programa do PPdeG contempla medidas encamiñadas a incrementar o control sobre os mercados e para velar por un correcto fucionamento dos mesmos. Tamen se comprometeu a que calquera norma legal que pretenda promulgar o futuro Goberno do PPdeG en relación coa venda ambulante será consultada previamente co sector.
Na reunión, celebrada na sede rexional do PPdeG, en Santiago de Compostela, participaron representantes da Federación Galega de Comerciantes Ambulantes e de Feiras (FGCAF), da Asociación Profesional de Comercio Ambulante e Comercio en Prazas de Abastos de Galicia (ACAPAG) e da Agrupación Única de Vendedores Ambulantes Autónomos da Coruña (AUVALC), que entregaron a Pedro Puy un documento que recolle un decálogo de propostas para a mellora da venda ambulante na Comunidade Autónoma.