QUINTANA AUGURA UN “GRAN RESULTADO AO BNG” E AMOSA A SÚA ESPERANZA DE QUE, “DESPOIS DAS AFIRMACIÓNS DOS ÚLTIMOS DÍAS, POIDAMOS TER A MAIORÍA ABSOLUTA”
-O número un do nacionalismo advirte de que non se equivocará “facendo de altavoz aos argumentos do Partido Popular sobre a lingua”
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O candidato nacionalista á presidencia da Xunta afirmou hoxe en resposta ás perguntas dos xornalistas nun acto en Lugo que o BNG vai “obter un gran resultado o día 1. Vamos a subir nas catro circunscricións electorais e, hoxe, despois de ver e escoitar algunhas cousas, empezo a dubidar se o BNG non terá maioría absoluta, é máis, empezo a dubidar se non a temos xa”.
Quintana cualificou de “enormemente estrano nesta campaña que o BNG se adique a facer propostas e as demais forzas políticas se adiquen a falar do BNG. É para min un auténtico acicate, un honor e un motivo de sastifacción, de orgullo e ilusión, debemos estar que nos saímos porque, se suscitamos tanta preocupación por parte de todo o mundo, a ver se estamos moito mellor aínda do que pensamos”.
“Entre a propaganda que nos facemos nós e a que nos fan os demais, imos ter un resultado magnífico”, ironizou o líder nacionalista.
Tamén en resposta ás perguntas dos xornalistas sobre as afirmacións verquidas onte polo candidato do PSOE á presidencia, o número un do BNG indicou que “cada un marca a súa estratexia electoral e non teño nada que contestar. O que podo é facer dúas afirmacións. Vai haber dúas equivocacións nesta campaña que non vou cometer, primeiro, non me vou a equivocar de adversario, e segunda, mentres estou en campaña non me vou adicar nunca a facerlle de altavoz ó que son argumentos do Partido Popular”.
“En Galiza só existe un problema lingüístico, que é que existe un idioma propio que cada vez se fala menos e que hai milleiros de nenos galegos que non saben falar o galego”, indicou, “hai unha lei de normalización lingüística aprobada polo Goberno, feita pola conselleira de educación nestes tres anos e medio dunha maneira positiva e nada impositiva” e, por iso, apostou por redobrar os esforzos de normalización “feitos en base dun programa consensuado por todas as forzas políticas. O sr. Feijóo leva toda a campaña falando da mintira da imposición e de que o castelán está en perigo. É a súa estratexia de argumentacion e que non espere o Sr. Feijóo que eu actúe de altavoz de esa estratexia e desa argumentación”.
“Non me vou equivocar de adversario e non vou cometer a equivocación de facer de altavoz do que é a argumentación e a estratexia do Partido Popular. Eu en toda a campaña só teño escoitado ó PP e ó Sr. Feijóo falando de absurdas imposicións do galego e falar de que o castelán está en perigo. Que o diga o sr. Feijóo se quere pero eu, desde logo, non vou ser altavoz dos seus argumentos”, dixo.