O Concello aproba o convenio para a construción das novas pistas de atletismo e un pavillón en Candeán
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O Concello aprobou na última reunión da xunta de goberno o convenio de colaboración coa Xunta para a construción do novo estadio de atletismo de Balaídos e dun pavillón polideportivo en Candeán. O investimento estimado destas dúas obras ascende a 6.963.953 euros, dos que a Consellería de Cultura e Deporte asumirá casi cinco millóns de euros e os dous restantes sairán dos orzamentos do Concello.
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, salientou a importancia que vai ter para a cidade a execución deste acordo. “Vai permitir dar resposta a unha vella e xusta reivindicación dos deportistas da cidade. Por fin, Vigo vai ter unha instalación para a práctica do atletismo de primeira calidade”, garantiu.
O convenio queda agora somentes pendente de que sexa ratificado polo Consello da Xunta para que poda ser asinado. Segundo se establece no acordo, as aportacións realizaranse en catro anualidades no proxecto do novo complexo de atletismo de Balaídos, que asumirá integramente a Consellería de Cultura e Deporte. Polo que respecta ao novo pavillón de Candeán será o Concello que asuma a súa execución e para elo se contemplan tres anualidades.