27 febrero 2009

Cierre de campaña
nacionalista en Vigo

QUINTANA PEDE O VOTO MASIVO PARA O BNG “POR UNHA GALIZA LIBRE NO MUNDO, UNHA GALIZA RESPECTADA. NUNCA MÁIS PP, SEMPRE BNG!”

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun mitin no pavillón das Travesas, en Vigo, ante máis de 6.000 persoas, e no que tamén interviron o tenente de alcalde, Santiago Domínguez; a candidata número tres, Carme Adán, o número dous da lista por Pontevedra, Henrique Viéitez, e a cabeza de lista, Teresa Táboas.

O líder nacionalista, chamou de xeito masivo ao voto “a todos os que queren ao seu país por riba de todo, que non queren un goberno baseado na mentira e na difamación. Agora é a hora do voto masivo ao BNG, por unha Galiza respectada, unha Galiza libre. Nunca máis PP, sempre BNG!”, exclamou.

O número un nacionalista criticou duramente a campaña feita polos populares, sen propostas, sen ideas, “unha campaña na que todo vale, superando os límites imaxinábeis, a campaña máis suxa e máis rastreira que se recorda na democracia española”.

“Como non tiñan propostas, non houbo valor político para debater co BNG cara a cara e só houbo mentiras, mesmo sobre a vida persoal dos candidatos, usáronse paparazzis e mesmo se inventaron accidentes de tráfico”, continuou.

“Despois de prender o lume, organizar a cacería, prender os mistos e ser o causante”, dixo Quintana, “garde as súas desculpas cínicas porque non valen, señor Feijóo, vostede está inhabilitado non só para ser o presidente da Galiza, senón para ser presidente da comunidade de veciños do seu edificio”.

Mais, o candidato quixo lanzar unha mensaxe clara aos populares: “estea vostede tranquilo porque non somos todos iguais, porque, nin eu nin o BNG utilizaremos o que nos fixeron a min, á miña familia, ou aos compañeiros e compañeiras do BNG como o fixeron vostedes”.

O número un do Bloque defendeu o labor desenvolvido polo nacionalismo galego ma Xunta nestes tres anos e medio e argumentou que 45 meses “son son suficientes para remover as estruturas políticas, económicas, sociais e culturais labradas durante 50 anos” e pedíu o voto para seguir neste camiño para “que Galiza sexa o mellor país do mundo, un país respectado, unha terra de benestar”.

Por iso, asegurou que “ninguén nos vai parar, estamos acostumados ao traballo duro porque o nacionalismo é a defensa do pobo e, sobre todo, do benestar, por iso conseguimos colocar no centro do debate á xente maior, aos discapacitados, levamos á práctica o vello adagio de 'a terra para quen a traballa', por iso entendemos a vivenda como un ben de interese xeral, por iso levamos adiante un cambio histórico para que os galegos e galegas se beneficiasen da produción de enerxía eléctrica”.

O candidato do Bloque afirmou que “nós non somos nin mellores nin peores ca ninguén, pero queremos ser nós mesmos no noso país e en todo o mundo. Por iso puxemos en marcha unha política baseada na defensa do país, da cultura, do idioma”.

“O domingo xogámonos darlle continuidade a facer realidade este gran soño ou entregarlle o goberno a aqueles que nunca creron neste país, ao PP que son o Partido dos Poderosos”, continuou, “eles non teñen programa nin teñen futuro, só teñen unha obsesión: que non goberne o BNG”.

Un país en liberdade

“Eu”, confesou o candidato, “como Charles Chaplin, creo na liberdade e esa é a única política na que cremos, na liberdade e en Galiza, ésa é a única política que nos interesa”.

Quintana recuperou na súa intervención un dos símiles que ven utilizando o BNG na campaña electoral referíndose ao vídeo no que se recrea unha escena da película “Espartaco” e lembrou que “nesa película, a quen crucifican é a 'Espartaco', non aos romanos””.

Finalmente, parafraseou tamén a Basilio Álvarez para reclamar que “máis carbón para as caldeiras da locomotora que é este país” e reclamou un último esforzo para “a batalla máis importante que o nacionalismo tivo que dar en Galiza”.