Teresa Táboas: “Todos os sectores produtivos do país terán abertas as portas do goberno galego”
O BNG TRANSMÍTENLLE AOS ARMADORES A PROPOSTA DA TRANSFERENCIA DE PORTOS E DA CREACIÓN DUNHA BANCA PÚBLICA GALEGA QUE MELLORE AS LIÑAS DE CRÉDITO
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- Os números 1, 2 e 3 da lista do BNG por Pontevedra (Teresa Táboas, Henrique Viéitez e Carme Adán), xunto coa congresista Olaia Fernández Davila, mantiveron esta mañá un encontro na cooperativa de armadores de Vigo (ARVI) con representantes de distintos sectores da pesca extractiva. Táboas transmitiulles o compromiso do BNG de crear un Instituto Galego de Crédito Oficial que funcione como unha auténtica banca pública para aumentar as liñas de crédito ás empresas, ante a crise financeira e o peche da billa de crédito da banca privada.
“Nós pensamos que as axudas directas non resolven nada a medio prazo, pero si levamos moito tempo defendendo a creación de instrumentos públicos de crédito que abran liñas ás empresas”, dixo. Nesa liña, unha das preocupacións expresadas polos armadores foi precisamente o peche da billa de crédito.
Transferencia dos portos
Así mesmo, os representantes do BNG lembraron tamén unha das propostas estrela do seu programa electoral: a transferencia dos cinco portos galegos de titularidade estatal (Vigo, Marín-Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol-San Cibrao) “para crear un pool de portos galegos que non compitan entre eles”.
“Cando o BNG reclama o autogoberno faino por este tipo de cuestións, para transferir máis competencias ao noso país e para ter un financiamento propio”, explicou Táboas.