21 febrero 2009

En Marín, el problema de los núcleos de litoral entra en campaña electoral...

Táboas asegura que “O PP puido ter solucionado o problema dos núcleos de litoral cando gobernaron en Madrid e en Galiza. O PSOE tamén puido facelo pero non o fixo”

MARIN (MORRAZO-tribuna) .- A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Teresa Táboas, interveu esta tarde nun acto en Loira cos veciños dos núcleos de litoral afectados pola Lei de Costas.

“O PP puido ter solucionado o problema dos núcleos de litoral cando gobernaron en Madrid e en Galiza. O PSOE tamén puido facelo pero non o fixo”, asegurou.

Sinalou a dificultade de resolver o problema dos núcleos do litoral coa Lei de Vivenda. “Pero fixémolo, a pesar de ter poucos mecanismos para resolver o problema”, dixo.

“Vivimos nun país que se foi habitando ao longo dos séculos, en moitos núcleos de poboación. Habitamos no territorio de xeito diferente porque somos diferentes, porque vivimos como galegos. Pero iso non o entenderon en Madrid cando fixeron a Lei de costas”, asegurou.

A candidata do BNG sinalou o mérito dos nacionalistas en resolver o problema “a pesar de que non tiñamos as competencias de urbanismo”.

“E que temos agora diante de nós? O futuro, porque o BNG xestiona a esperanza e agora podemos facer obras de rehabilitación, non só nas vivendas senón tamén no espazo público”, dixo.

Políticas de rehabilitación

Táboas lembrou que a última Lei de Vivenda recolle con rango de Lei a rehabilitación. E nesa liña, sinalou que “tras ter pelexado con tres ministras distintas de vivenda”, agora se inclúen os núcleos como Loira nos Plans Estatais de Rehabilitación.

“E a partir de aí o futuro é noso”, sinalou. “E do mesmo xeito que fomos quen de resolver o problema dos núcleos de litoral, eu dígovos que se lideramos o goberno galego, seremos capaces de sacar adiante o noso país”, concluíu.


Bieito Lobeira

O candidato número 4 do BNG por Pontevedra comezou a súa intervención afirmando que “non estou entre persoas ou entre votantes, senón entre amigos”.

“Aquí tendes máis unha vez ao Bloque Nacionalista Galego. Nós o que non somos é marcianos que desembarcamos nun sitio cando hai eleccións e logo nos esquecemos dos problemas da xente”, asegurou.

“Eu sempre tiven a sensación de que Loira e outros núcleos do litoral foron lugares abandonados. Para min, que nacín aquí; sempre pensei que non era de recibo o trato por parte das administracións”, sinalou.

“O sucedido nestes 6 últimos anos en relación aos núcleos do litoral demostra a importancia de ter forzas políticas como o BNG”, asegurou. “Aquí, en Galiza, hai 33.000 núcleos de poboación, que levan moito tempo habitados, desde o tempo dos nosos pais e dos pais dos nosos pais, algúns na costa, como Loira e non son lugares de veraneo para turistas estresados”, dixo. “Non se poden facer leis desde Madrid ignorando a nosa realidade”, afirmou.

"As nosas leis temos que facelas desde Galiza, que é a nosa casa”, enfatizou. O deputado nacionalista destacou a labor dos veciños na loita pola regularización dos núcleos, e a estreita colaboración entre o BNG de Marín e os veciños, “por riba de reclamar o lexítimo protagonismo partidario”. Lobeira concluíu o seu discurso dicindo que “hai un elemento do que si aprendín de vós durante estes seis anos, a dignidade”.