01 septiembre 2009

Comezan as festas dos Axóuxeres

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Chega setembro e con el, ademais da volta ao cole, as Festas dos Axóuxeres, unha programación de música e palabra para os máis pequenos da casa que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da secretaría, Cristina Rubal, acompañada por Andrea Bayer, directora artística da empresa Galitoon, presentou hoxe estes espectáculos que unen palabra, emoción, xogo e música para animar os nenos e nenas de entre 0 e 3 anos a falar, cantar e gozar co galego.

As Festas dos Axóuxeres –que xa van pola súa terceira edición– constitúen un programa de dinamización lingüística que busca favorecer a transmisión do galego desde as idades máis temperás, ao tempo que ofrecen unha experiencia sonora, visual, táctil e psicomotriz.

Durante a presentación, Rubal fixo fincapé en que “para Política Lingüística é fundamental traballar nesta franxa social de familias con nenos, xa que eles serán os que definan, en gran medida, o futuro da lingua galega”, e remarcou a intención da secretaría de potenciar os usos da lingua nos diferentes ámbitos da sociedade.

Unha divertida viaxe
Nesta edición, as Festas dos Axóuxeres achégannos a viaxe que realiza Totó, un bonequiño azul, acompañado por Eli. Xuntos percorrerán a terra, o mar, o aire e incluso o Sol para atopar a Pope, o grande amigo de Totó do que vao dando noticia o Sr. Carteiro. Ademais, para poder seguir gozando na casa Política Lingüística habilitou un espazo web (www.xunta.es/linguagalega/axouxeres) no que poden escoitarse as cancións, descargar as letras e mesmo os personaxes para colorear.

O calendario
Ao longo deste mes, as Festas dos Axóuxeres percorrerán as cidades galegas. O espectáculo arrancará na Coruña (paseo das Pontes), o vindeiro día 5; estará o 6 en Ferrol (praza da Constitución); o 12 viaxará ata Ourense (parque Barbaña); o domingo 13 será a quenda de Lugo (horta do Seminario), mentres que en Pontevedra (praza da Ferraría) aterrará o día 19. As dúas últimas paradas serán en Vigo (praza do Rei), o día 20, e en Compostela (igrexa de Santa Susana, na Alameda), o 26. En todos os casos realizarase unha función ás 12:00 horas baixo carpa, limitada a 300 persoas. En Vigo e na capital galega farase, ademais, unha segunda función ás 17:30 horas. A entrada é de balde.

A partir de outubro, os Encontros dos Axóuxeres
Unha vez rematados os espectáculos do mes de setembro, as Festas dos Axóuxeres derivarán nun formato máis reducido e percorrerán concellos máis pequenos. Trátase dos Encontros dos Axóuxeres, que, a diferenza das festas, se celebran en espazos pechados –como centros socioculturais, casas do concello, etc.– e para un público menos amplo, estimado arredor de 70 persoas. Durante os meses de outubro e novembro, os Encontros dos Axóuxeres percorrerán as localidades de Xinzo de Limia, Celanova, Lalín, Valga, O Grove, Moaña, Arzúa, Ames, A Laracha, Castro de Rei, Barreiros e mais Cariño.

As Festas e os Encontros dos Axóuxeres teñen unha excelente acollida por parte dun público para o que apenas existe programación de lecer. Nesta terceira edición estímase que acudan a estes eventos de dinamización máis de 3.500 persoas.

As primeiras idades, unha prioridade na actuación dinamizadora
A Secretaría Xeral de Política Lingüística outórgalle unha gran prioridade ás franxas de idade máis novas na planificación da súa actividade de dinamización social da lingua. Ademais da programación das Festas e os Encontros dos Axóuxeres, destinados aos bebés, a partir de setembro comezan tamén novas actividades do programa Bocaberta, dirixidos ás idades de 3 a 18 anos, que tamén viaxarán ao longo de toda a xeografía galega.