24 noviembre 2008

“A AIXOLA” ULTIMA A CONSTRUCIÓN DUNHA EMBARCACIÓN CABINADA QUE PESCA CEDERÁ A COSTAS DE PONTEVEDRA


MARIN (MORRAZO-tribuna).- ▪ O “Pragueiro Dos” é o primeiro barco deste tipo elaborado no centro de formación de Marín e adicarase, entre outras actividades, á inspección do litoral .
O centro de formación “A Aixola”, dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, está a rematar a construción do “Pragueiro Dos”, unha embarcación cabinada en fibra de vidro que a Administración pesqueira galega cederá en propiedade ao Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, dependente do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino. O barco, que será entregado en breve, estará adicado, entre outras actividades, á inspección do litoral.
O “Pragueiro Dos” é a primeira embarcación cabinada que se constrúe no centro de formación de Marín e é o resultado da realización de prácticas por parte dos alumnos dos módulos de “Laminador de poliéster reforzado en fibra de vidro” e “Modelador de poliéster reforzado en fibra de vidro”. Trátase dun barco de 5,57 metros de eslora, 2,05 metros de manga e 0,85 metros de puntal que realizou recentemente a proba de estabilidade, polo que unha vez remate a súa habilitación será entregada a Costas. De feito, o compromiso adquirido por Pesca, a través da orde pola que se cede en propiedade a embarcación, é entregar o buque coa construción do casco e da cabina rematada, mentres que o Servizo de Costas será o encargado de instalar os elementos mecánicos de propulsión e outros mecanismos complementarios precisos.
Segundo a normativa publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), este ben deberá ser empregado en fins de utilidade pública ou interese social do organismo cesionario, concretamente a labores propios do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra. Ademais, serán por conta do cesionario os gastos de aseguramento da embarcación e os derivados da súa conservación e de mantemento necesarios para o seu funcionamento, así como as taxas, arbitrios e impostos que se devenguen pola súa titularidade.
Etapas da construción
A construción do “Pragueiro Dos” comezou a finais do ano 2005 e, unha vez realizado o deseño da embarcación, elaboráronse os modelos para posteriormente facer os moldes que deron lugar ao casco e á cabina, que foron feitos por separado, procedéndose posteriormente á súa ensambladura. Seguidamente, despois de diferentes etapas de puído, tivo lugar a colocación de ferraxes e aparatos de navegación e procedeuse ao acto de cesión da embarcación mediante a orde publicada no DOG. Rematada esa etapa iniciouse o proceso de xestión de toda a documentación necesaria para a solicitude de alta no Distrito Marítimo de Marín e a súa inscrición na lista 8ª co nome de “Pragueiro Dos”, sendo precisa tamén a realización dunha proba de estabilidade. Deste xeito, agora estanse a finalizar os trámites necesarios para proceder á entrega definitiva.
Cursos de modelador e laminador
“A Aixola” é un centro de formación dependente da Consellería de Pesca e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación Cetmar que o ano pasado celebrou o seu décimo aniversario. Dentro da oferta da escola mantéñense os campos de actuación dende que comezou a súa andaina: traballadores de nova incorporación ao sector e profesionais que queren mellorar a súa cualificación e reciclarse no seu traballo. Non entanto, “A Aixola” non ten unicamente repercusión a nivel laboral xa que tamén cumpre un importante labor social, dado que se rixe por tres alicerces: a recuperación do patrimonio marítimo, a colaboración con outras institucións públicas e o ofrecemento de apoio a colectivos en risco de exclusión social. Entre a formación impartida no centro inclúense os módulos de “Laminador de poliéster reforzado en fibra de vidro” e “Modelador de poliéster reforzado en fibra de vidro”, dous cursos nos que se persegue que os alumnos adquiran os correspondentes coñecementos ata conseguir un correcto acabado dos proxectos, atendendo sempre ás normas de calidade e ás de seguridade e saúde laboral. O primeiro dos dous módulos, cunha duración de 300 horas, ten como obxectivo que os alumnos adquiran coñecementos teórico-prácticos para desempeñar as tarefas propias da ocupación de laminador de poliéster reforzado con fibra de vidro.
Pola súa banda, o outro curso ten unha duración de 600 horas e é máis técnico que o de laminador, xa que o alumno confecciona os modelos e posteriormente os moldes. Ademais, na “Aixola” impártense outras ensinanzas entre as que se atopan cursos de carpintería de ribeira, velería e de elaboración e reparación de redes e aparellos de pesca. Así mesmo, a escola ten en marcha outros módulos, entre os que se atopan o de reparacións polivalentes, reparación de embarcacións pneumáticas e manipulación de polietileno e polipropileno en buques de pesca e acuicultura.
Na foto: Imaxe da construción do "Pragueiro Dos", unha embarcación cabinada de fibra de vidro que se está a construír no centro de formación "A Aixola" e que a Consellería de Pesca cederá en propiedade ao Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, dependente do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino