25 noviembre 2008

Comienza la cuenta atrás del apagón analógico : la tele gratis será totalmente digital en el verano 2010 en Galicia

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Secretaría Xeral de Comunicación e o operador público de telecomunicacións Retegal S.A. comezaron esta tarde unha campaña informativa para achegar a Televisión Dixital Terrestre aos concellos galegos. Na primeira das citas, no municipio coruñés de Melide, participaron o director xeral de Comunicación Audiovisual e conselleiro delegado de Retegal S.A., Manuel José Fernández Iglesias, e a alcaldesa de Melide, Socorro Cea, entre outros.
Tal e como avanzou o director xeral de Comunicación Audiovisual, a Secretaría Xeral de Comunicación e Retegal S.A. posibilitarán que 39 concellos da provincia da Coruña–entre eles Melide- realicen o encendido dixital antes de que remate o ano. Así, o múltiplex autonómico entrará en servizo 6 meses antes das datas fixadas para as fases definidas polos Ministerio para o proceso de apagado analóxico en Galicia nas demarcacións de Ourense Este e Santiago. En canto aos múltiplex autonómicos, para ambas as demarcacións, estarán dispoñibles 3 meses antes do apagón, en xuño de 2009.
Na súa intervención, explicou que a TDT é unha tecnoloxía de substitución, “polo que cómpre ir adaptándose para a súa recepción canto antes”. As televisión analóxicas, explicou, irán desaparecendo de forma progresiva ata o 30 de abril de 2010. Fernández Iglesias explicou que, en ningún caso, se producirá o cesamento das emisións analóxicas naquelas zonas onde non haxa cobertura TDT equivalente.
Así, o plan de actuación para o apagado das demarcacións de Ourense Este e Santiago pretende ter rematado o despregamento, como mínimo, 6 meses antes da data de apagado prevista. Así, para ambas as zonas, o despregamento rematará o 31 de decembro de 2008 superando o 98,5% de cobertura poboacional para o múltiplex autonómico.
Imos por diante
Baixo o lema Imos por diante, desde o Goberno galego e o operador público de telecomunicacións preténdese explicar a todos os cidadáns cómo recibir a TDT nas súas vivendas, así como o anticipo que está a desenvolver o Executivo autonómico no referente ao encendido dixital. No mes de decembro Galicia acadará o 98,5% da cobertura poboacional de TDT para as emisións autonómicas. Galicia adiántase así en 6 meses con respecto aos plans do Ministerio que fixan o mes de xuño de 2009 para levar a cabo o apagamento dixital nas zonas de Santiago de Ourense Este.
A partir do mes de decembro, unha vez levado a cabo o encendido dixital en ambas as demarcacións, o que beneficiará a 50 concellos galegos, a Secretaría Xeral de Comunicación e Retegal S.A. encargaranse de despregar gapfillers ou encheocos cos que completar a cobertura ata acadar o acceso universal á TDT no caso do múltiplex autonómico, que inclúe a canle de TVG e dúas privadas de ámbito galego.
Estado actual da TDT
Tal e como destacou Fernández Iglesias, os datos que facilita a oficina Impulsa TDT no último trimestre indican que a porcentaxe de cobertura estatal acada o 89,15%. Así mesmo, en canto aos datos de antenización, salientou que máis do 60% das vivendas xa están adaptadas á nova tecnoloxía, producíndose un incremento do 3,6% con respecto do trimestre anterior. Nas zonas nas que está previsto o apagón analóxico para o 30 de xuño de 2009 só o 30% dos edificios están adaptados, co cal, para chegar a tempo, precísase un ritmo dunha 350 instalacións diarias.
O director xeral de Comunicación Audiovisual recomendoulle aos antenistas e instaladores presentes no acto que tomen medidas de xeito inmediato, propondo as adaptacións de antenas precisas, aínda sen esperar á solicitude por parte das comunidades de veciños.
Campaña divulgativa de proximidade
Ao longo do mes de decembro, a Secretaría Xeral de Comunicación e Retegal S.A. ofrecerán un total de seis charlas coloquio sobre o encendido dixital. Trátase dunha campaña divulgativa de proximidade sobre a incidencia e consecuencias do encendido dixital e as previsións do apagamento en xullo 2009. Así, trasladarase toda a información sobre a TDT aos concellos de Melide (A Coruña), Silleda (Pontevedra), Vedra (A Coruña), Noia (A Coruña), Muxía (A Coruña) e Verín (Ourense). Os concellos foron elixidos atendendo a dúas razóns; dunha banda, correspóndese coas demarcacións nas que primeiro se levará a cabo o encendido dixital. Por outro lado, elixíronse estes concellos por ser centros poboacionais importantes e que, á súa vez, se atopan preto de todas aquelas outras zonas nas que se producirá a transición á TDT nos próximos meses.
Destinatarios
A campaña diríxese aos axentes do sector, administracións locais, radiodifusores, instaladores, comunidades de veciños e cidadanía en xeral co fin de garantir que ningún cidadán galego deixe de recibir os servizos de televisión que ata agora viña recibindo en analóxico. Trátase de facilitar e comunicar o proceso de transición da televisión analóxica á dixital para que todos os cidadáns disfruten dun servizo con maior calidade de imaxe e son e que ofrece novas posibilidades con respecto ao existente.
Municipios beneficiados
O proxecto de transición de Ourense Este e Zamora Norte beneficiará aos habitantes dos concellos do Bolo, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Larouco, Laza, Manzaneda, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, A Veiga, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso. Por outro lado, o proxecto de transición de Santiago beneficiará aos habitantes de 39 concellos das provincias da Coruña e 5 de Pontevedra. Os concellos coruñeses son Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Padrón, O Pino, Porto do Son, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar; mentres que en Pontevedra son Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
O apagado analóxico en Galicia
O Ministerio de Industria ten definido para a comunidade galega 6 proxectos de transición nos que se planifica o cesamento das emisións analóxicas de televisión por emisións dixitais. Así, as áreas técnicas de Santiago, Ourense Este e Zamora Norte cesarán as emisión analóxicas o 30 de xuño de 2009, aínda que a Xunta fará o encendido xa antes de que remate o ano. As áreas de Ares e Meda realizarán o cese de emisión en analóxico o 31 de decembro de 2009 mentres que as de Domaio e Páramo o farán o 3 de abril de 2010.
O proxecto de transición para Ourense e Santiago realizaranse no primeiro semestre de 2009 e afectará a 44.184 e 357.673 habitantes, respectivamente. A data de apagamento para as áreas de Meda e Ares será o segundo semestre de 2009, e afectará a 339.603 e 709.831 habitantes, respectivamente. A última fase corresponde ás áreas de Domaio e Páramo que realizarán o apagón o 3 de abril de 2010. Veranse afectados 936.001 habitantes no caso de Domaio e 316.227 no do Páramo.