29 noviembre 2008

VOLUNTARIOS DO PROGRAMA RODELA PARTICIPAN EN OURENSE NUN ENCONTRO PARA INTERCAMBIAR EXPERIENCIAS

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- Arredor de 100 persoas participarán durante a xornada de mañá en Ourense no I Encontro de Voluntariado de Acompañamento a vítimas de violencia: “Un ano de Rodela”, que se desenvolverá no edificio xurídico empresarial do Campus Universitario de Ourense. O obxectivo é crear un espazo de traballo, debate e análise sobre as experiencias dos voluntarios e voluntarias que participan neste programa de acompañamento ás vítimas da violencia de xénero.
O Programa Rodela funciona ata o de agora nas grandes cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo a través dun total de seis entidades representativas do tecido asociativo de mulleres, pero tamén doutros colectivos especialmente relevantes na loita contra os malos tratos. Actualmente un total de 34 mulleres vítimas da violencia de xénero se están a beneficiar deste programa de acompañamento.
O Programa Rodela púxose en marcha logo de varios meses de formación e preparación do operativo, un traballo realizado en colaboración coas tres universidades galegas, encargadas da aplicación dun protocolo de intervención e dunha ferramenta básica na súa estrutura operativa: o portal web e a plataforma de formación on line para os voluntarios. Esta iniciativa naceu como unha fórmula para canalizar a forza do rexeitamento social da violencia de xénero cara novas formas de acción cidadá, ao tempo que serve para complementar os recursos e as estruturas profesionais de loita contra a violencia de xénero.
Todas as solicitudes de acompañamento voluntario tramítanse a través da páxina web do Rodela, a infraestrutura tecnolóxica, a través da cal se establece o primeiro contacto coa muller e tamén co tecido asociativo que vai levar a cabo o traballo do acompañamento.