24 noviembre 2008

VICEPRESIDENCIA PRESENTA A FUTURA LEI DE ACCIÓN VOLUNTARIA QUE PRETENDE APUNTALAR A PUXANZA DO MOVEMENTO SOLIDARIO EN GALIZA

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, presentou hoxe ante voluntarios e voluntarios pertencentes a entidades de todo o país o anteproxecto de lei de Acción Voluntaria de Galiza, un texto que será abordado polo Consello da Xunta na súa xuntanza do xoves. Segundo afirmou, a norma nace para dar resposta á demanda de dotar de novos marcos normativos ao sector, fixada xa no Plan Galego de Acción Voluntaria 2006-2010 e que foi tamén trasladada dende as propias entidades, co fin de coordinar a acción voluntaria en Galiza e adaptarse a unha nova realidade marcada pola puxanza do movemento solidario no noso país.
O director xeral de Xuventude explicou que o texto atende a cinco eixos que era preciso abordar nun novo marco legal. En primeiro lugar, había que revisar o modelo de intervención, “de tal forma que se supere a visión meramente asistencialista da acción voluntaria”. O segundo alicerce da nova norma pasaba por redefinir o concepto de acción voluntaria, tendo en conta á evolución experimentada dende a publicación da actual Lei de Voluntariado como consecuencia da transformación da realidade social, dos problemas e das grandes manifestacións de acción voluntaria producidas ante situacións de emerxencia social, “o que fai necesario unha actualización e redeseño estratéxico das políticas públicas da acción voluntaria”. A terceira necesidade centrábase en trazar claramente a fronteira de determinación da laboralidade e da acción voluntaria, excluíndo do concepto desta última calquera tipo de traballo remunerado. En cuarto lugar, Cela aludiu á necesidade de regular e actualizar o estatuto de acción voluntaria, relacionando claramente os dereitos e deberes. Finalmente, como quinto eixo estratéxico, apuntou á coordinación interdepartamental das diferentes áreas do Goberno galego, “de xeito que se avance cara unha verdadeira política transversal, por canto a acción voluntaria require unhas políticas multisectoriais que esixen a planificación e coordinación con outros sectores, mediante a constitución dun consello interdepartamental”.
Avances na norma
Entre as novidades que incorpora o anteproxecto de lei con respecto á norma vixente, do ano 2000, Rubén Cela destacou que se trata dunha lei “pensada no voluntariado do día a día, acorde coas novas formas emerxentes de voluntariado” e nela apóstase pola calidade e a formación.
No seu Título I, a norma incorpora como principal novidade o concepto de “acción voluntaria”, que ven a substituír ao de “voluntariado”, para abarcar a toda a actividade solidaria sexa cal sexa o seu ámbito de actuación. Neste mesmo título, Cela quixo deixar claro que a norma “é reiterativa no senso de que a acción voluntaria non eximirá á Administración das responsabilidades e obrigas que lle correspondan, e así mesmo incídese en que a prestación realizada pola persoa voluntaria se faga a marxe da relación laboral remunerada e que non substitúa as prestacións ás que están obrigadas as Administracións Públicas.
Outra novidade importante, recollida no Título II, é que se fai unha regulación específica dos dereitos e deberes das entidades, das persoas voluntarias e das persoas destinatarias da acción voluntaria, a diferenza da lei vixente que só os regula para as persoas voluntarias.