25 noviembre 2008

O CONGRESO APROBA A PROPOSICIÓN DO BNG PARA QUE SE MELLORE A ADAPTACIÓN AO SISTEMA MUNDIAL DE SOCORRO CO FIN DE REDUCIR OS TEMPOS DE RESPOSTA NO MAR

MADRID (MORRAZO-tribuna).- A Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobou este mediodía, e a pesar do voto en contra do PSOE, a proposición do BNG que insta ao Goberno a verificar a adaptación continua dos operadores dos Sistema Mundial de Socorro (GMDSS) nos buques pesqueiros a fin de reducir os tempos de resposta no mar. A iniciativa do BNG recibiu 20 votos a favor e os 18 votos en contra do PSOE.
O deputado do BNG aceitou incorporar á súa iniciativa unha pequena modificación proposta polo PP que non variaba o texto resolutivo do BNG. Trátase do punto 2 da proposición do BNG que pede que “se seleccione canto antes a unha equipa de técnicos cualificados, especialmente radioelectrónicos, para efectivizar a adaptación do GMDSS”. A modificación do grupo popular só ampliaba o elenco de técnicos cualificados a incorporar.
No último punto da proposición de Jorquera aprobada se empraza ao Executivo a cumprir integramente o epígrafe XII do Informe de conclusións da Subcomisión do Prestige e que atinxe á adopción de medidas para reducir os tempos de resposta dos medios de salvamento.
O portavoz do BNG no Congreso que, desde o primeiro momento insistiu no seu dispór a chegar a acordos, finalmente decidiu non admitir a emenda presentada polo grupo socialista xa que rebaixaba os plantexamentos feitos na proposición e “non fixa accións nen actuacións”. O grupo socialista unicamente propuña intensificar as campañas de difusión e concienciación nos buques pesqueiros para que se faga un uso debido dos sistema de radiocomunicacións.

A seguridade marítima “é un tema de especial sensibilidade para Galiza”
Jorquera comezou a súa intervención perante os membros da Comisión subliñando que para o BNG é motivo de grande preocupación a mellora da seguridade marítima, “un tema de especial sensibilidade para Galiza”.
Fixo unha breve exposición sobre o peso que o sector pesqueiro ten na Galiza. “Unha das maiores frotas pesqueiras con máis de 5.200 embarcacións, dá traballo directo a 25.000 persoas e supón o 40% do total da pesca do Estado”.
Asemade, puxo de manifesto que fronte ás nosas costas está o dispositivo de separación de tráfico máis importante, en referencia ao corredor de Fisterra, polo que transitan anualmente 42.000 buques, 15.000 deles transportan mercadorías perigosas, “uns 2.000 barcos máis que cando se produciu o sinistro do Prestige”.
Remarcou o feito de que os accidentes no mar seguen a ser moi frecuentes e Galiza ten unha das taxas de siniestralidade marítima más altas porque a seguridade no mar non depende só de máis medios, téñense que aplicar medidas preventivas como unificar o Sistema Mundial de Socorro. Neste sentido, salientou que o sistema de radiocomunicacións falla en moitas ocasións, e que “se falla no mar e na terra. No mar porque non se forma ao mariñeiro e na terra porque os responsábeis das Radiocomunicacións non teñen a formación requerida para as súas competencias”.
O Estado español non actualiza as Bases de Datos do Sistema Mundial de Socorro (Sistema MARS)
Afirmou que co Plano de Salvamento se investiu en medidas pero “pouco en eficacia”. Puxo de relieve que non se respeta o Regulamento de Radiomunicacións, nen se actualizan os dados por parte do Estado español. “A OMI, subliñou, recomenda no seu Plan Mestre a continua actualización das Bases de Dados do Sistema Mundial de Socorro”, e indicou que “na listaxe deste Plan Mestre se deixa claro que o Estado español non só non actualiza as súas Bases de Dados senón que figura como pais que non informa á Organización Marítima Internacional desde a posta en marcha do Sistema Mundial de Socorro”.
Enfatizou o feito de que “a frota pesqueira, case na súa totalidade, e parte da frota mercante non se atopan rexistradas”. Polo tanto, indicou, a Base de Dados do Estado español “non está actualizada, e figuran buques que están desguazados, cambiaron de bandeira ou de nome”.
Hai que seguer as recomendacións da OMI para mellorar os tempos de resposta no mar
O deputado do BNG recalcou que a OMI “deixou ben claro que para minimizar os tempos de resposta da busca e salvamento, os responsábeis da garda de navegación nos buques e nos centros de salvamento deberán identificar os cambios efectuados pola Unión Internacional de Telecomunicación e a Organización Marítima Internacional respeito aos novos procedementos nos sistema mundial de socorro”.
Ademáis, dixo que se deben aplicar estes cambios nas comunicacións que poidan afectar á seguridade dos buques, e que calquer cambio nos Códigos MMSI dos buques deberá “ser notificado ás súas administracións para unha posterior modificación nas Bases de Dados”.
O parlamentar nacionalista criticou o feito de que “a pesar destas ordenanzas e recomendacións, a Dirección da Mariña Mercante non adoptou as medidas necesarias para se adaptar a estas normativas” sobre seguridade da vida humana no mar.