28 noviembre 2008

O alumeado de Nadal encederase en Vigo o 5 de decembro e terá un aforro enerxético do 10,6% respecto a 2007

VIGO (MORRAZO-tribuna).- Manter a aposta polo aforro enerxético foi o obxectivo da Tenencia de Alcaldía na programación do alumeado de Nadal deste ano, segundo subliñou este xoves o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo e Comercio, Santi Domínguez. Así, malia que o encendido do alumeado terá lugar o día 5 de decembro, uns días antes que o ano pasado, conseguirase un aforro enerxético do 10,6 por cento respecto ao ano anterior e do 26,1% respecto ao 2006, reducindo o número de horas de encendido. O tenente de alcalde adiantou que o acto de inauguración terá lugar na Praza da Independencia e haberá actividades de dinamización.
“Dende a Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Turismo e Comercio somos conscentes de que os comerciantes precisan do apoio da administración no contexto económico de crise no que estamos e sabemos que o Nadal é unha das épocas do ano na que o sector ten postas máis esperanzas”, sinalou Santi Domínguez. O nacionalista explicou que na reunión mantida cos representantes deste sector comunicóuselles que se seguiría apostando polo aforro enerxético, como xa se fixo o ano pasado retrasando a data de encendido, aínda que se chegou ao acordo de adiantala nesta ocasión ao 5 de decembro e reducir o número de horas de funcionamento do alumeado, Deste xeito sólo estarán ata as 22 horas o que permitirá incrementar o aforro enerxético. Con respecto ao ano 2006 o horario de encendido redúcese nun 51,7% pasando de 314,5 horas a 170 o ano pasado e chegando a 152 neste. O horario de funcionamento alongarase ata as tres da mañá os días de Nadal e Fin de Ano.
En total, instalaranse case 2.000 unidades, das que 1.158 serán lámpadas, 625 diferentes elementos, como bonecos e campás e 200 arcos, que consumirán un total de 118.560 kilowatios á hora. O custo previsto deste consumo tamén supón un aforro do 10,6 por cento respecto ao ano pasado, ao pasar dos 14.263 euros ao 12.753 euros, e un aforro do 36,2 por cento respecto ao 206.
Cun orzamento superior aos 300.000 euros, alumearanse 89 rúas, 19 rotondas, 12 prazas e 6 mercados municipais, de xeito que as luces de Nadal chegarán a 21 parroquias. Neste sentido, o tenente de alcalde salientou que este ano amplíanse o número de rúas alumeadas correspondentes aos diferentes barrios e parroquias da cidade. “No Nadal 2007-2008 foi a primeira vez na que todos os barrios e as parroquias de Vigo tiveron alumeado, e nesta ocasión quixemos seguir traballando nesta mesma liña”, destacou o nacionalista.
O tenente de alcalde adiantou que o acto de inauguración terá lugar o día 5 de decembro na Praza da Independencia e contará con diversas actividades de dinamización.
1. DATAS E HORARIOS
· Inicio e remate do alumeado: do 5 de decembro ata o 6 de xaneiro
· Horario de funcionamento: dende ás 18 horas ata as 22 horas. Os días 25 e 31 de decembro prologarase ata ás 3 horas da madrugada.
2. INSTALACIÓNS
· Lámpadas: 1.158.000 unidades
· Elementos (monecos, estrelas, campás, bolas…): 625 unidades
· Arcos: 200 unidades
3. ESPAZOS
· Rúas: 89
· Rotondas: 19
· Prazas: 12
· Mercados: 6
· Parroquias: 21
4. CONSUMO
· Potencia consumo: 780 KW
· Consumo estimado: 118.560 KWH
· Custe previsto por consumo: 12.753
5. AFORRO PREVISTO
· O aforro enerxético previsto respecto ao ano 2006 é do 26,1%e respecto ao 2007 do 10,6%.
· En canto ao custo, o aforro previsto respecto ao 2006 ascende ao 36,2% e respecto ao 2007 é do 10,6%.