26 noviembre 2008

O Plan de Competitividade Turística busca situar a Vigo como primeiro destino náutico da España Verde


VIGO (MORRAZO-tribuna).- O Plan de Competitividade de Produto Turístico “Vigo, Turismo Urbano & Ría” será a ferramenta de traballo encargada de coordinar a promoción turística da cidade durante os 3 vindeiros anos, segundo explicaron este mércores o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o tenente de alcalde, Santi Domínguez. Na presentación, na que tamén participou o director xeral de Turismo, Rubén Lois, sinalaron que o plan conta cun orzamento total de 3,9 millóns de euros e que coa sua posta en marcha Vigo poderá situarse como primeiro destino náutico da España Verde.
O conselleiro de Innovación e Industria salientou que o plan ten o obxectivo de consolidar catro eixos básicos, como son o turismo de congresos e eventos, relacionado co forte pulo comercial e industrial da cidade; o lecer urbano, onde Vigo posúe unha ampla oferta de servizos de calidade; o turismo náutico, co porto deportivo e a Ría como espazo privilexiado para a navegación que posibilitan o seu posicionamento como referente na fachada atlántica peninsular; e o turismo cultural, básico no turismo urbano, con ofertas vinculadas ao mar, á tradición mariñeira e industrial, e á cultura contemporánea. Fernando Blanco sinalou que este plan encaixa co deseño que está a desenvolver a Consellería para impulsar o turismo do país e acadar un turismo desestacionalizado e diversificado. Neste sentido lembrou a aprobación onte no Parlamento Galego da Lei de Turismo, que establece o marco normativo para facer dos recursos turísticos un motor de desenvolvemento económico.
O tenente de alcalde subliñou que o Plan de Competitividade de Produto Turístico de Vigo é basicamente unha fórmula de colaboración entre as administracións estatal, autonómica e municipal, que se executará entre os anos 2009 e 2012. Segundo Santi Domínguez, entre os obxectivos do plan destacan incrementar a demanda e a internacionalización do destino de Vigo como produto turístico, de xeito que se producirá un aumento dos ingresos e da rendabilidade da actividade turística e do emprego na nosa cidade, e unha maior eficacia na xestión do destino. Neste sentido sinalou a aposta que fai o plan no turismo urbano e na ría como elemento diferencial.
Co obxectivo de incrementar o número de visitantes, Santi Domínguez destacou que Vigo debe reforzar o seu papel de destino internacional, creando unha estrutura de xestión eficaz caracterizada por unha alta profesionalización dos seus cadros técnicos e incorporando a iniciativa privada na definción dos intereses de produto turístico e das liñas estratéxicas de actuación.
O posta en marcha deste plan busca incrementar o número de pernoctacións na cidade nun 6% ata 2012 e entre un 15 e un 20% ata 2019, así como aumentar en 10 puntos os visitantes extranxeiros e acadar un 30% máis de expositores extranxeiros no segmento de feiras. Paralemente as accións irán dirixidas a superar o gasto medio de 160 euros por cliente e xerar emprego no sector en catro ou cinco puntos por riba da evolución xeral do emprego na cidade.
Con todas estas medidas Vigo pode chegar a ser o primerio destino de turismo náutico da España Verde e estar entre os 5 primeiros do Estado, así como situtarse como o primeiro destino urbano que non e capital de provincia.